Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado repróchalle ao PSdeG que se negase a apoiar que Galicia reciba o que lle debe o Executivo de Sánchez

20 Dec 2019

20, decembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reprochoulle ao PSdeG que se negase a apoiar que a Comunidade reciba o que lle debe o Goberno central e tacha de inaceptable a súa actitude: “Unha vez máis, o señor Caballero demostrou que lle interesa máis a aprobación de Sánchez que a sanidade, a educación ou os servizos sociais de Galicia”. 

Así, a día de hoxe, o Goberno central aínda non abonou a totalidade dos 334 millóns de euros da actualización das entregas a conta, retén os 200 millóns pola mensualidade referida do IVE e négase a aboar a Galicia os 170 millóns polo bo desempeño fiscal da comunidade autónoma no exercicios 2017 e 2018.

 

“Desde o PPdeG vémonos obrigados a denunciar a mentira continuada na que se atopa Pedro Sánchez: mentiu cando dixo que o seu partido non se reuniría nin pactaría con Esquerra e con Bildu; mentiu cando dixo que o AVE a Galicia estaría nos tempos e prazos acordados e mentiu cando prometeu que lle pagaría ás Comunidades Autónomas o que lles debe”, aseverou.

 

De feito, recordou que, unha vez máis, a Xunta tivo que tomar a iniciativa e formulou posibles solucións para que o Goberno transferise antes de final de ano o IVE e solucionase este problema común ás Autonomías e entidades locais. Ademais, este panorama provocou que Galicia tivese que recorrer ao emprego de pólizas a partir de mediados deste ano, algo que nunca sucede; e que empeorase o noso período medio de pago, malia que sempre foi unha das Comunidades de referencia neste indicador.

 

Ao respecto, Tellado salientou a xestión rigorosa e a solvencia da nosa Autonomía, que lle permitiu obter en 2018 o primeiro superávit en 16 anos e grazas ao que Galicia puido soportar mellor esta situación.

 

O GOBERNO CENTRAL VAI NA DIRECCIÓN DE PECHAR ALCOA

Por outra banda, referiuse ás reunións mantidas entre os presidentes Feijóo e Casado cos membros do comité de Alcoa San Cibrao. Nese senso, destacou que a Xunta e o comité de empresa coincidiron en que, ou o Executivo central pon sobre a mesa un prezo eléctrico estable para que as industrias electrointensivas poidan competir en igualdade de condicións coas do resto de Europa, ou estamos na antesala do peche de empresas como Alcoa: “Se o obxectivo do Goberno é pechar a industria electrointensiva galega e botar á rúa aos 5.000 traballadores vinculados a ela, vai na dirección correcta”.

 

Tellado, que insistiu en que o Executivo central debe cumprir o comprometido para dar estabilidade nos prezos da enerxía e volver ao sistema de interrompebilidade, resaltou que a poxa que se está celebrando esta semana é, segundo os expertos, a peor da historia, deixando a estas empresas abocadas a botar o peche e marchar de Galicia. De igual xeito, tamén se descoñece cando o Goberno aprobará o Estatuto para os consumidores electrointensivos e se terá en conta as propostas da Xunta para garantir que o prezo do Megavatio/hora se sitúe entre os 35 e os 40 euros.

 

“O Goberno central debe darlle garantías ás empresas, aos traballadores e ás comarcas afectadas de que as electrointensivas galegas son viables. Se non o fai, a súa deixadez provocará que o 2020 sexa un ano catastrófico para a industria galega e para o emprego industrial na nosa Comunidade”, manifestou mentres pedía a Sánchez que establecese unha axenda na que teñan máis cabida as preocupacións dos galegos e menos as súas persoais.

 

UNHA FOLLA DE SERVIZOS IMPECABLE A GALICIA

Por último, o secretario xeral expresou a gratitude do seu partido a Beatriz Mato, que anunciou que abandona a política e á que cualificou como unha persoa que se vai cunha folla de servizos impecable a Galicia: “Grazas por 17 anos de traballo pola súa terra, pola súa Comunidade, pola súa cidade; pola súa valentía, pola súa tenacidade, polo seu esforzo; e polo seu compromiso con este proxecto colectivo que é o PP”.

Síguenos nas redes sociais