Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: “O compromiso do Goberno de que as obras do AVE a Galicia acaben a finais de 2019 non se vai cumprir”

13 Dec 2019

13, decembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o compromiso do Goberno de que as obras do AVE a Galicia acaben a finais de 2019 non se vai cumprir.

 

Así, a piques de rematar o ano, cando expira o prazo marcado para a finalización das obras do AVE fixado polo Goberno Rajoy pero ratificado polo Executivo socialista en numerosas ocasións, Galicia non ten ningún tipo de información oficial que lle permita coñecer as datas previstas para a finalización das obras, para o inicio da circulación en probas e para a súa posta en servizo.

 

O número dous do PPdeG criticou que o Executivo central lle negase á Xunta toda a información sobre a chegada do AVE, e pediu que a presidenta de ADIF aproveite a súa visita de mañá a Santiago para aclarar os prazos actuais, “se é que os coñece”. “Sería todo un avance, porque xa vimos que os membros do Goberno Sánchez só veñen a Galicia a dar mitins, e nunca a falar das cuestións que lle interesan aos galegos e galegas”, engadiu.

 

SÁNCHEZ RENUNCIA A SOLUCIONAR OS PROBLEMAS DE GALICIA

Por outra banda, Tellado falou da renuncia do Goberno de Pedro Sánchez a tratar os temas que lle interesan a Galicia e centrouse na difícil situación das nosas empresas electrointensivas e dos 5.000 empregos directos que xeran.

 

Segundo sinalou, coa nova poxa para o primeiro semestre de 2020 estase a producir un dobre castigo: elimina os bloques de 40 Megavatios e só permitir poxar polos de cinco -un agravio para as grandes consumidoras de enerxía- e reduce o reparto de fondos -ata 2018 Galicia recibía polo servizo de interrompebilidade unha media anual de máis de 150 millóns de euros e a poxa que propón o Goberno apenas alcanza os 62,5 millóns de euros-.

 

“Unha vez máis, constátase a falta dunha axenda industrial por parte do Goberno. A poxa súmase a máis dun ano agardando por solucións para abaratar o prezo eléctrico e que as nosas industrias poidan competir en igualdade co resto de Europa”, subliñou.

 

Ademais, o secretario xeral lamentou que non se saiba cando o Executivo central aprobará o Estatuto para os consumidores electrointensivos, algo que en febreiro prometeron que se aprobaría en maio, que a ministra dixo en outubro que estaba redactado pero que non ensinaría ata pasadas as Eleccións de novembro e do que a Xunta xa presentou un borrador en disposición de ser aprobado e que garantiría un prezo competitivo. “Un Estatuto que é un símbolo do que fai Pedro Sánchez con Galicia: Nin busca solucións aos problemas nin aproba as solucións que lle ofrecen os demais”, remarcou.

 

AS DIFERENZAS ENTRE A XUNTA E O GOBERNO CENTRAL

Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, Tellado tamén se referiu aos Orzamentos da Xunta destacando que, un ano máis, a Autonomía volverá ter as súas contas aprobadas en tempo e prazo para que entren en vigor o 1 de xaneiro. “Isto é unha mostra máis da estabilidade política e institucional da nosa Comunidade e de que hoxe en Galicia e no Goberno central hai dous modelos de xestión diametralmente opostos”, salientou.

 

Nese senso contrapuxo que, mentres a Xunta aproba os Orzamentos en tempo e prazo, baixa impostos, sube os investimentos en infraestruturas, presenta solucións para a industria electrointensiva e aposta polas contas máis sociais da historia de Galicia; o Executivo Sánchez vai comezar 2020 coas contas de Rajoy de 2018 -das que votou en contra-, pretende subir impostos de xeito masivo, segue a paralizar a chegada do AVE, bloquea alternativas para as electrointensivas e séguese negando a pagar a maior parte dos 700 millóns que nos deben e dos que parte se destinan a Política Social.

 

“En definitiva, temos unha Xunta que se preocupa por Galicia e un Goberno central controlado polos socialistas e que só ten ollos para as demandas dos independentistas cataláns, que son os seus socios de investidura”, manifestou.

 

XUNTOS PARA ACADAR UNHA COMUNIDADE MÁIS FORTE

Por último, o secretario xeral aproveitou para felicitar ao Goberno galego, á Confederación de Empresarios de Galicia e aos sindicatos UXT e Comisións Obreiras polo acordo do Diálogo Social asinado esta semana, do que resaltou a súa gran importancia.

 

“Nun momento de extraordinaria complexidade política, de incerteza económica e inestabilidade institucional, o acordo polo Diálogo Social demostra que a Administración, os sindicatos e as empresas poden traballar xuntos para acadar unha Galicia máis forte no económico e no social, máis igualitaria e máis sustentable e para preservar a nosa estabilidade institucional e económica”, sentenciou.

Síguenos nas redes sociais