Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular demandará no Pleno que o Goberno central abone a Galicia os 370 millóns que debe do IVE e por ser unha comunidade cumpridora

12 Dec 2019

Santiago, 12 de decembro de 2019.- O Grupo Popular demandará no Pleno ordinario da vindeira semana que o Goberno de España ingrese os 200 millóns de euros do IVE de 2017 que debe a Galicia e convoque urxentemente o Consello de Política Fiscal de Financeira para aprobar os incentivos á Comunidade galega polo seu bo desempeño fiscal en 2017 e 2018.

Así mesmo, o Grupo Popular solicitará ao Ministerio de Fomento a presentación dun Plan director de transporte de mercadorías para o noroeste peninsular, que estableza unha programación para o desenvolvemento dunha rede ferroviaria de calidade e acorde cos requisitos establecidos para a Rede Transeuropea de Transporte.

 

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular informou que a vindeira semana tamén se celebrará o Pleno específico para a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2020. “Estase convertendo nunha noticia que unha comunidade autónoma aprobe todos os anos os orzamentos en prazo, dando certeza ás empresas, aos empregados públicos e aos operadores económicos”, xa que esta cuestión “se está a converter nunha circunstancia excepcional na actual situación política española”, afirmou.

 

A continuación, terá lugar o Pleno ordinario, no que está previsto o debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas e do proxecto de Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.

 

FONDOS PARA PRESTAR SERVIZOS

 

Nesta mesma sesión, o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central o abono dos 370 millóns de euros que debe a Galicia pola mensualidade do IVE de 2017 e as compensacións por ser unha comunidade cumpridora en materia de estabilidade orzamentaria. “Estamos a tempo de saber onde está cada goberno e cada partido político respecto das contías que o Goberno central debe ás comunidades autónomas, así como de coñecer cal é a importancia que se lle da a que as comunidades dispoñan de fondos para prestar os seus servizos públicos”, sinalou o portavoz popular.

 

Así mesmo, o Grupo Popular incorporou na orde do día desta sesión plenaria outra proposición non de lei a través da que se demanda ao Ministerio de Fomento a presentación, á maior brevidade, dun Plan director de transporte de mercadorías para o noroeste peninsular, así como que solicite fondos europeos para iniciar os proxectos necesarios para o desenvolvemento desta rede, con especial mención ao proxecto ferroviario da saída sur de Vigo, ao tratarse dunha actuación estratéxica para Galicia e o norte de Portugal.

 

Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas accións que está a realizar ante o Goberno central para que rectifique a súa falta de solucións para desenvolver unha transición enerxética xusta e ordenada, que non implique o peche das centrais térmicas sen ofrecer alternativas industriais; sobre os procesos de oferta pública de emprego no ámbito do ensino en Galicia; e sobre o desenvolvemento do Plan de transporte público de Galicia.

Síguenos nas redes sociais