Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Aprobado en Comisión o ditame do proxecto de lei de aproveitamento lúdico das augas termais, que queda pendente do seu debate definitivo en Pleno

11 Dec 2019

Santiago, 11 de decembro de 2019.- A Comisión 6ª do Parlamento galego aprobou esta mañá o ditame do proxecto de Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, co que este novo texto lexislativo queda pendente da súa aprobación definitiva polo Pleno.

A deputada popular Cristina Romero salientou que se trata “dunha lei pioneira en España coa que Galicia se converte na primeira comunidade autónoma en regular os diferentes aproveitamentos das augas termais, dando resposta a unha realidade existente e a unha demanda da sociedade actual”.

 

Cristina Romero indicou que esta nova lei “cubre un baleiro legal que permitira impulsar o crecemento do sector termal dun xeito ordenado, á vez que outorgará confianza e seguridade tanto ás instalacións como aos usuarios”.

 

SEN PREXUDICAR O USO TERAPÉUTICO

 

“O enfoque desta lei non é tocar o réxime xurídico destas augas, senón regular o uso das augas termais, sen prexudicar o seu uso terapéutico, así como resolver calquera conflito entre o uso lúdico e o uso terapéutico, decantándose sempre por este último”, indicou.

 

A deputada popular criticou que os grupos da oposición “presentaran emendas  en contra do réxime xurídico  das augas termais que son imposibles de aceptar”. “Se de verdade o queren modificar, este non é o momento, a través desta lei; nin o lugar, porque corresponde ás Cortes Xerais e non ao Parlamento galego”, explicou.

 

Finalmente, Cristina Romero salientou que logo do trámite de ponencia e comisión aceptáronse 35 emendas dos grupos da oposición, “rexeitando aquelas que non respectan a competencia estatal en materia de bases de réxime mineiro ou outras leis en vigor; que entorpecerían, ralentizarían e incluso paralizarían os establecementos que xa están funcionando; as que eliminan o uso lúdico desta nova lei; ou aquelas que tratan as augas termais como un recurso hidráulico, cando é un recurso termal”.

Síguenos nas redes sociais