Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular demanda no Parlamento galego que o Goberno central abone a débeda de 370 millóns que aínda ten con Galicia

09 Dec 2019

Santiago, 9 de decembro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, informou hoxe da presentación dunha proposición non de lei no Parlamento galego a través da que se demanda ao Goberno central o abono da débeda de 370 millóns de euros que aínda ten con Galicia pola mensualidade do IVE do ano 2017 e as compensación por ser unha comunidade cumpridora.

 

Pedro Puy lembrou que ao longo do día de hoxe e de mañá rematará o debate na Comisión 3ª das emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2020, “de xeito que no Pleno da vindeira semana estaremos en condicións de aprobalos en prazo e que entren en vigor a partir do 1 de xaneiro, cousa que non é frecuente a nivel do conxunto de España nin das comunidades autónomas”. “Galicia volverá a dar estabilidade e certeza aos axentes económicos, cuns orzamentos que a propia AIReF cualifica como perfectamente viables e cumpribles no que atinxe ás regras de estabilidade”, apuntou.

 

Respecto do debate das emendas presentadas aos orzamentos, o portavoz popular referiuse a catro circunstancias principais que “nos impiden incorporar máis dos grupos da oposición”. En primeiro lugar, ademais de ser recorrentes respecto das presentadas outros anos e que xa foron rexeitadas, Puy sinalou o seu “carácter marcadamente electoralista, porque fan unha estimación dos ingresos desorbitadas para xustificar o incremento dos gastos”, pero tamén “moitas delas contradín a normativa estatal e outras xa están reguladas na normativa vixente, cando os orzamentos so teñen vixencia anual”.

 

Puy volveu referirse ao informe da AIReF sobre os orzamentos de Galicia para indicar a súa advertencia “das dificultades da Comunidade galega para pechar o exercicio de 2019 como consecuencia dos incumprimentos do Goberno de España”. Neste sentido, reiterou a necesidade de que o Goberno central traspase a Galicia os 200 millóns do IVE correspondentes a unha mensualidade do IVE de 2017 e lamentou que “o Goberno socialista, para facilitar o cumprimento do seu obxectivo de déficit, decida meter nun problema ás comunidades autónomas e non abonar esta débeda”.

 

AINDA ESTAMOS A TEMPO

 

Neste sentido, Pedro Puy demandou de novo ao Goberno central o abono a Galicia desta mensualidade do IVE e das compensacións por ser unha comunidade cumpridora en materia fiscal. “Aínda estamos a tempo de evitar un problema que se está traducindo en problemas de tesourería, en retrasos no pago a provedores e que pode complicar o peche do exercicio económico por parte da Xunta”, sinalou.

 

Cuestionado sobre a suba da peaxe da AP-9 prevista para o vindeiro ano, Pedro Puy lamentou que o Goberno de España “non fixera caso ás peticións do Parlamento galego para adoptar medidas semellantes ás do Goberno galego con relación ás peaxes nas autoestradas da súa competencia, mantendo o mesmo prezo das peaxes desde 2015 e introducindo rebaixas para percorridos a determinadas horas ou de ida e volta”. “Fronte a iso e pese ás reiteradas demandas, o Goberno de Pedro Sánchez non só non as atendeu senón que vai aplicar unhas subas que veñen do Goberno de Zapatero e que nos parecen desorbitadas”, dixo.

 

“Esta suba de peaxes demostra a necesidade da transferencia da AP-9 a Galicia”, manifestou o portavoz popular, quen engadiu que  “ata que ese traspaso non se produza pouco máis pode facer que recordarlle ao Goberno central que está incumprindo o que se lle ten pedido desde Galicia”.

Síguenos nas redes sociais