Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado tacha de "clamorosos" os silencios de Sánchez e Caballero ante os casos de corrupción do PSOE

22 Nov 2019

22, novembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, tacha de "clamorosos" os silencios de Sánchez e Caballero ante os casos de corrupción do PSOE. Así se expresaba referíndose á sentencia dos ERE coñecida esta semana, que fala dun modelo de corrupción sistémica, orquestrada desde un Goberno autonómico que serviu para desfalcar 680 millóns de euros de todos os cidadáns.

 

O número dous dos populares galegos indicou que no PP a corrupción que máis indigna é que ten que ver con casos que lle afectan á propia formación “porque ensucia o nome dunha organización composta por milleiros e milleiros de persoas que traballan incansablemente e, na maioría dos casos, desinteresadamente”. Por este motivo, afirmou que doe ver como estes días houbo moitos dirixentes socialistas que se afanaron en relativizar a que foi a sentencia do maior caso de corrupción das nosas catro décadas de democracia.

 

Como explicou, trátase dun tema o suficientemente grave como para despachalo cunha rolda de prensa de Ábalos na que di que o PSOE non ten nada que ver con isto, dado que o caso afecta a dous presidentes autonómicos de Andalucía, que ademais foron presidentes nacionais do PSOE durante máis de 15 anos -un deles ministro con González e o outro vicepresidente con Zapatero-; a unha ministra do Goberno Zapatero e ata a tres ministros do actual Goberno Sánchez foron compañeiros de Gabinete dos hoxe condenados.

 

Nese senso, recordou que Sánchez promoveu unha moción de censura amparándose nunhas frases dunha sentencia que a Audiencia Nacional logo ratificou que eran improcedente e contra un Goberno que non tiña nin un só investigado por uns acontecementos que sucederan había máis dunha década. Ademais, fixo fincapé en que o secretario xeral do PSOE defendeu en innumerables ocasións a honorabilidade dos que hoxe están condenados polo maior caso de corrupción da historia da nosa democracia.

 

“Non agardo de Sánchez que dimita, nin que se presente unha moción de censura. Iso sería ser coherente e ninguén espera iso de Pedro Sánchez. Pero creo que o mínimo esixible sería que se dirixise aos españois, pedise perdón pola corrupción no seu partido e dixese que se equivocou defendendo aos corruptos do seu partido. E nin iso ten pensado facer”, subliñou. 

 

Do mesmo xeito, apuntou que se bota en falta un comentario de Gonzalo Caballero, cuxos precedentes de loita contra a corrupción na súa formación son moi claros. De feito, desde que é secretario xeral, xa tivo dous alcaldes inhabilitados: o de Camariñas, co que posou encantado o día da toma de posesión da súa sucesora; e o de Cerceda, que leva desde agosto cunha inhabilitación reafirmada polo Xulgado Penal da Coruña e do que o líder dos socialistas galegos non dixo nin media palabra.

 

GALICIA NON RENUNCIARÁ AO QUE LLE PERTENCE

Por outra banda, Tellado precisou que, cando resta menos dun mes e medio para acabar o ano, o Goberno central tan só ingresou o 5 de novembro no Tesouro da Autonomía 60 dos 700 millóns de euros que lle adebeda, é dicir, menos do 10% dos recursos que lle debe á Comunidade.

 

Segundo lembrou, aínda que de aquí a finais de ano transfiran os 334 millóns de euros das entregas a conta, o único que confirmou o Executivo socialista que vai pagar a Galicia apenas supón a metade das contías da débeda total; incidindo en que este é un problema compartido con concellos e Deputacións, “polo que lles volvemos a reiterar que se unan a esta reivindicación”.

 

Ademais, cómpre destacar que aínda restarían por abonar 200 millóns de euros dunha mensualidade do IVE do ano 2017 e 170 millóns de euros polo bo desempeño fiscal e o cumprimento de Galicia dos obxectivos de déficit, endebedamento e regra fiscal os anos 2017 e 2018. “Non imos renunciar a estes 370 millóns de euros que aínda é posible transferir antes de fin de  ano”, admitiu mentres pedía unha xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira posto que, tras 16 meses sen reunirse, é prioritario que o faga e que inclúa como abordar unha solución a este problema.

 

“Entendemos que Pedro Sánchez está moi ocupado na súa negociación pola investidura xa que leva meses bloqueando este país por puro interese persoal e electoral”, dixo, pero avisou que “os servizos públicos de Galicia non están en funcións” porque a Comunidade non merece este desprezo do PSOE, que Sánchez bloquee uns fondos que son de todos os galegos nin que o PSdeG siga impasible ante esta situación.

Síguenos nas redes sociais