Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG defende, para paliar a falta de profesionais sanitarios, eliminar a taxa de reposición e modificar o decreto de formación de especialistas

21 Nov 2019

Santiago, 20 de novembro de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, afirmou hoxe no Parlamento que no PPdeG “estamos a favor de calquera medida que poida paliar a difícil situación da falta de profesionais nalgunhas áreas sanitarias” e considerou “solucións reais a eliminación da taxa de reposición, a homologación de profesionais médicos extracomunitarios ou a modificación do decreto de formación de especialistas, medidas que foron postas enriba da mesa no Consello Interterritorial pero foron esquecidas polo Goberno socialista”.

 

Aurelio Núñez lembrou que o propio Ministerio de Sanidade “afirmaba nun informe entregado en xaneiro deste ano ás comunidades autónomas que á sanidade pública de España fáltanlle 4.000 especialistas”, porque, “ademais dos problemas de especialistas de primaria, hai escaseza en anestesia, uroloxía, radiodiagnóstico, anatomía patolóxica, cirurxía xeral ou traumatoloxía”.

 

SITUACIÓN IDÉNTICA EN TODAS AS COMUNIDADES

 

Na súa intervención, Núñez Centeno reiterou que “esta situación de falta de profesionais non é algo que aconteza só en Galicia, senón que o están a padecer todas as comunidades autónomas no seu servizo de saúde”.

 

“A Consellería de Sanidade ten solicitado un MIR extraordinario de familia e pediatría, que foi rexeitado polo Goberno socialista, do mesmo xeito que é continuar avanzando na homologación dos profesionais médicos extracomunitarios”, indicou o portavoz popular.

 

En concreto, no que respecta á cobertura de prazas de especialista no Hospital de Verín, o portavoz popular explicou todas as medidas que a Xerencia está a levar a cabo para atender todas as necesidades existentes en pediatría, dermatoloxía, traumatoloxía ou coidados paliativos.

Síguenos nas redes sociais