Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG demandará no Pleno ao Goberno central que axilice as xestións ante a UE para conseguir os fondos necesarios para dragar a ría do Burgo

18 Nov 2019

Santiago, 17 de novembro de 2019.- O Grupo Popular demandará ao Goberno central no Pleno ordinario da vindeira semana que axilice as xestións necesarias ante a Unión Europea para a obtención de fondos comunitarios para a dragaxe e rexeneración da ría do Burgo.

 

 

Así mesmo, a través doutra proposición non de lei solicitará á Xunta a elaboración do primeiro Plan estratéxico de Galicia contra a trata con fins de explotación sexual, acordando coa Fegamp que os concellos realicen campañas de sensibilización social contra esta lacra social.

 

A actividade política da vindeira semana no Parlamento galego comezará coa celebración o luns da sesión plenaria para o debate de totalidade do proxecto de lei de orzamentos da Xunta para 2020 e do proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas.

 

ELENA MUÑOZ E JESÚS VÁZQUEZ, SENADORES

 

Para o martes, está prevista a celebración da sesión plenaria específica para a designación dos senadores en representación da Comunidade galega. Os candidatos propostos polo Grupo Popular son Elena Muñoz Fonteriz e Jesús Vázquez Abad, que xa resultaron designados o pasado mes de xuño logo da anterior convocatoria de eleccións xerais.

 

De seguido, terá lugar a celebración do Pleno ordinario, no que o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei a través da que se esixe ao Goberno central que remita información sobre as xestións e os avances que ten feito de cara a cumprir co compromiso acadado coa Xunta e os concellos no mes de xaneiro sobre a solicitude ante as autoridades da Unión Europea do cambio de destino dos fondos FEDER xestionados pola Administración do Estado para a dragaxe e rexeneración da ría do Burgo que sexan inexecutables en prazo.

 

No seu caso, o Grupo Popular urxe ao Goberno de España que axilice as xestións necesarias ante a Unión Europea para a obtención de fondos comunitarios para a dragaxe da ría do Burgo, ao tempo que dota de orzamento suficiente este proxecto e establece un cronograma completo con prazos e previsións realistas para a súa actuación.

 

Así mesmo, pídese que o Goberno central presente un plan social que recolla compensacións a aqueles mariscadores que non poidan traballar durante a execución das actuacións de dragaxe da ría. Neste punto, lémbrase o ofrecemento realizado pola Xunta de Galicia de cofinanciar nun 10 por cento este plan social de axuda aos mariscadores.

 

MEDIDAS CONTRA A TRATA

 

Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular no Pleno da vindeira semana solicita á Xunta a elaboración do primeiro Plan Estratéxico de Galicia contra a trata con fins de explotación sexual, fomentando que os concellos galegos realicen campañas de sensibilización social contra esta lacra.

 

Esta iniciativa inclúe, ademais, a solicitude para que se acorde coa Fegamp a modificación das ordenanzas municipais para acabar coa tolerancia e permisividade cara á publicidade de servizos sociais que facilitan actuacións delituosas, impulsando a constitución ou dinamización das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero.

 

Respecto do Goberno central, pídese que modifique a Lei orgánica 1/2004, de medidas de protección contra a violencia, para incluír que son tamén formas de violencia contra as mulleres, conforme ao Convenio de Istambul, a violencia física, psicolóxica e sexual, incluída a violación; ao tempo que se impulsa a aprobación dunha nova lei orgánica de loita integral e multidisciplinar contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

 

PREGUNTAS AO GOBERNO

 

Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular incluíu na orde do día cuestións sobre as liñas mestres que está implementando a Consellería de Educación para a formación dos corpos docentes; os cambios que se teñen aprobado no calendario vacinal galego; e o balance sobre a xestión do xurelo ao longo de 2019.

Síguenos nas redes sociais