Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego demanda ao Goberno central a construción dunha nova autovía entre Vigo e O Porriño

13 Nov 2019

Santiago, 13 de novembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que confirme o compromiso adquirido polo anterior Goberno de Mariano Rajoy de impulsar a autovía de novo trazado entre Vigo e O Porriño, ben a través do Plan extraordinario de investimentos en estradas como estaba previsto ou, no seu caso, pola vía orzamentaria.

 

A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique explicou que esta nova autovía “é unha infraestrutura estratéxica para a Comunidade galega ao conectar Vigo coas autovías A-52 (Ourense-Madrid) e A-55 (á fronteira portuguesa) ofrecendo unha alternativa funcional á actual autovía A-55, que soporta tráficos moi intensos e cun alto índice de sinistralidade”. A previsión é que esta nova autovía capte un tráfico de arredor de 36.000 vehículos ao día e supoña un incremento notable da seguridade viaria e unha maior comodidade nos desprazamentos.

 

10 QUILÓMETROS E 337 MILLÓNS DE EUROS

 

Egerique lembrou que esta nova autovía “era un compromiso asumido polo anterior Goberno de Mariano Rajoy e incluída no Plan extraordinario de investimentos, cunha extensión de 10 quilómetros e un investimento aproximado de 337 millóns de euros”.

 

“Porén, o actual Goberno de Pedro Sánchez comezou a deslizar declaracións que sementaron dúbidas respecto da continuación deste plan de investimentos, chegando ao punto de rescatar o plan para a construción da autovía entre Crevillente e Murcia pero deixando en suspenso esta nova autovía entre Vigo e O Porriño”, indicou.

 

A deputada popular manifestou que esta nova autovía “forma parte da Axenda Galega de demandas prioritarias para Galicia ao novo Goberno de España aprobado polo Goberno galego e que tamén defende o PPdeG”, polo que “esiximos ao novo Goberno central que confirme, con feitos o compromiso adquirido polo Goberno de Mariano Rajoy de impulsar e avanzar na execución da autovía de novo trazado entre Vigo e O Porriño”.

Síguenos nas redes sociais