Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo pide unir o voto no PP ante un PSOE que fracasou e só pode agarrarse á división nas urnas

02 Nov 2019

2, novembro, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu unir o voto no Partido Popular ante un PSOE que fracasou e só pode agarrarse á división nas urnas. E é que, segundo incidiu, despois de meses de tanta irresponsabilidade, frivolidade e inacción, “o PSOE xa non convence e só lle queda dividir para vencer”.

Durante un mitin en Lalín, onde estivo acompañado polo presidente nacional, Pablo Casado, Feijóo salientou que o PSOE non pode defender xestión, porque non a houbo; non pode reivindicar compromisos, porque os incumpriu; e non pode culpar aos demais, porque foi o único responsable. Para o líder do PPdeG, os socialistas saben que poden perder, porque malgastaron a súa oportunidade de demostrar que eran capaces de levar a este país desde o Goberno, de aí que queiran máis que nunca que se divida o voto e darlle, tamén, a VOX todo o protagonismo mediático que estea nas súas mans.

 

O CAMBIO DE ESPAÑA PASA POLA VITORIA DO PP

Así mesmo, apuntou que, tal e como aconteceu nas últimas Eleccións Xerais, a división do voto só beneficia ao PSOE e prexudica a todos os españois: “Cada voto sen escano a VOX e Ciudadanos son máis escanos para un Goberno do PSOE con populistas e nacionalistas”. Por iso, subliñou que no Partido Popular caben todos os que queren máis compromiso con Galicia, respecto á Constitución e á convivencia, recuperar a estabilidade e xestión e un Goberno que só se deba aos españois. “O único cambio posible é votar ao PP”, engadiu Feijóo, quen continuou animando a “todos os que queiran que Galicia pese no Goberno e queiran unha España mellor e distinta, a única alternativa posible é votando ao Partido Popular de Pablo Casado”. 

 

Feijóo salientou que, se a maioría de españois que votaron divididos en abril poñen en común todo o que comparten na papeleta do PP, “España si terá o Goberno que necesita”. Neste punto, advertiu que o país non está blindado ante as ameazas dunha  nova crise, porque hai un Executivo socialista que non goberna e porque, en lugar de xestionar, se dedicou a falar de promesas electorais, enquisas e de si mesmo.

 

“UNS FALAN, OUTROS FACEMOS”

Incidiu en que, fronte a gobernos que dan mitins desde Moncloa, fan declaracións de independencia desde a Generalitat ou toman as súas decisións só en función de cálculos electorais, Galicia presenta, un ano máis en tempo e forma, os orzamentos, os máis sociais da historia. Segundo Feijóo, mentres “uns falan, outros facemos”: “Uns falan e a única medida relevante en política social foi non pagar a débeda de 700 millóns de euros” para as políticas sociais de Galicia. Así, puxo en valor o investimento da Xunta para o vindeiro ano en educación, sanidade, servizos públicos, dependencia, conciliación e, tamén, para afrontar o desequilibrio territorial e o reto demográfico. E salientou que a partir de 2020 todas as familias galegas terán a escola infantil gratuíta para o seu segundo fillo e os sucesivos.

 

Para rematar, incidiu en que España precisa dun Executivo como o de Galicia, ao igual que a nosa Comunidade dun Goberno de España que respecte a Galicia, que cumpra con ela e que a teña en consideración. Así, salientou que o PP sae a gañar o próximo 10 de novembro, porque o próximo Executivo ten que cumprir coa nosa Comunidade “si ou si” e asegurou o compromiso de Pablo Casado con Galicia.

Síguenos nas redes sociais