Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado anuncia que Mariano Rajoy estará o martes na provincia de Pontevedra para participar na campaña do PPdeG

01 Nov 2019

1, novembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, anunciou a participación de Mariano Rajoy na campaña para as Eleccións Xerais o vindeiro martes en diferentes actos na provincia de Pontevedra, lembrando que mañá será Pablo Casado quen visite a nosa Comunidade. “Un, na súa etapa de Goberno, fíxoo moito mellor como presidente que Pedro Sánchez; e o outro farao a partir do 10 de novembro se os galegos e os españois lle dan a súa confianza”, salientou.

 

Máis polo miúdo, precisou que o candidato popular á Presidencia estará este sábado en Lalín nun acto con preto de 2.000 persoas “que queren acompañalo na súa carreira electoral”. Pola súa banda, Mariano Rajoy visitará Pontevedra e Vigo, “e en ambos sitios recibirá o agarimo dunha cidadanía que sabe que ten moito peor presidente do Goberno agora que hai dous anos e que Galicia perdeu a un gran aliado na Moncloa o mesmo día no que o gañaron os independentistas, os nacionalistas e os populistas”.

 

Logo de lembrar que os populares galegos levarán a cabo 12 campañas -a que ten que ver coa axenda global de toda a Comunidade, a das catro provincias e a das sete cidades e as súas áreas urbanas- para poder difundir a mensaxe do PP por todos os recunchos de Galicia, incidiu en que “é unha honra contar co presidente Rajoy porque moitos españois hoxe botan de menos o seu sentido común fronte á politica frívola de Pedro Sánchez”.

 

GALICIA, UNHA PRIORIDADE

Ademais, o secretario xeral subliñou que Galicia foi a prioridade absoluta de Mariano Rajoy, recordando que o seu Goberno investía na nosa Comunidade máis do dobre do que lle correspondía por poboación, algo que cambiou coa chegada do socialista á Moncloa, que recortou ese investimento nun 30% “para agradar aos pais intelectuais dos CDR e da Cataluña dos lazos amarelos”.

 

Segundo manifestou, “Cataluña paga a Sánchez con barricadas o diñeiro que lle entregou o seu Executivo a costa dos galegos”, remarcando que isto “xamais pasaría co anterior presidente do Goberno”. “Por iso é un orgullo que Rajoy apoie a este partido no seu reto de sacar aos socialistas e a todos os que os apoiaron naquela vergoñosa moción de censura”, engadiu.

 

A ALTERNATIVA É O PP

Por último, Tellado fixo fincapé en que a situación de extrema complexidade política que vive España non é irremediable, poñendo como exemplo de cumprimento do deber, da responsabilidade e da estabilidade a Galicia. “A nosa Comunidade é a mostra de que a alternativa sólida e clara no Partido Popular é real”, dixo. 

 

Así mesmo, avogou por unir o voto dos que queren que o país volva funcionar e que prefiren o rigor, a eficacia e un Goberno que non teña que deberlle nada ao nacionalismo nin ao independentismo, mantendo que o PP sae a gañar pola economía, o emprego, os traballadores da nosa industria, os servizos públicos e as familias.

Síguenos nas redes sociais