Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG critica que a presidenta da Deputación de Pontevedra incumprira por terceira vez a súa obriga legal de comparecer no Parlamento para explicar os orzamentos

31 Out 2019

Santiago, 31 de outubro de 2019.- O deputado do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe que a presidenta da Deputación de Pontevedra “incumprira por terceira vez a súa obriga legal de comparecer neste Parlamento para explicar o orzamento da institución que preside, situándose á marxe da lei e desprezando á Cámara galega”.

 

“Unha vez máis temos que denunciar a imposición na Deputación de Pontevedra da lei do silencio, coñecida como omertá, máis propia de organizacións mafiosas que de institucións democráticas”, apuntou.

 

Alberto Pazos manifestou que “a señora Silva se ampara na autonomía local para negarse a dar explicacións sobre o réxime caciquil que implantou na Deputación de Pontevedra, e para enredar reclama por carta 16 millóns de euros de supostas competencias autonómicas exercidas pola Deputación, obviando as competencias provinciais asumidas pola Xunta”.

 

Na súa intervención, o deputado popular incidiu “en denuncias que xa fixemos hai un ano, como o uso caciquil dos convenios provinciais, que este ano non podemos amosar porque a presidenta da Deputación adoptou a solución de non publicar estes convenios no portal de transparencia; o uso caciquil das redes sociais oficiais; ou o enchufismo dos socialistas en Pontevedra, confirmados pola Xustiza”.

 

ENCHUFE CONCELLEIRO INDEPENDENTE

 

“Neste caso, ademais do enchufe da cuñadísima confirmado xudicialmente, hoxe sumamos o caso do uso de fondos públicos da Deputación de Pontevedra para mercar gobernos locais, contratando como persoal de confianza desta institución a un concelleiro independente investigado por corrupción para facer alcaldesa de Porriño a unha socialista tamén investigada por corrupción”, indicou.

 

Para rematar, Alberto Pazos criticou que esta situación “conta co silencio covarde do secretario xeral dos socialistas galegos” e cuestionou “onde está aquel Gonzalo Caballero tan combativo cando pedía a dimisión da señora Silva por incumprir normas internas dos socialistas galegos, pero que agora cala cando incumpre a lexislación autonómica”.

Síguenos nas redes sociais