Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular pide ao presidente da Deputación de A Coruña que “xestione con seriedade e non sexa un exemplo do amiguismo e a improvisación”

31 Out 2019

Santiago, 30 de outubro de 2019.- O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor demandou hoxe no Parlamento ao presidente da Deputación de A Coruña que “xestione con seriedade este organismo facendo previsións realistas e non sexa o responsable dunha administración exemplo do amiguismo e da improvisación”.

Así mesmo, indicou que “o seu flamante Plan Único é a ferramenta perfecta do nacionalismo para baleirar a deputación, porque é un traspaso de problemas aos gobernos locais, que se ven cada día con máis dificultades para poder licitar e executar as súas actuacións”.

 

Gonzalo Trenor criticou que a día de hoxe “descoñecemos os orzamentos da Deputación Provincial de A Coruña para 2020” e sinalou que “sería bo que da mesma forma que toda Galicia coñece xa os orzamentos para o vindeiro ano, tamén os deputados provinciais e os concellos puideran coñecer as contas provinciais”.

 

AUSENCIA DE PROXECTO E PRIORIDADES

 

Respecto do Plan Único da Deputación de A Coruña, o deputado popular afirmou que “é o recoñecemento máis claro da ausencia de proxecto e de prioridades”, polo que demandou que “exerza as competencias que teñen asignadas e non renuncien a elas por moito que lle presione o nacionalismo”. “Os nacionalistas xa lle dixeron que buscan baleirar de contido a Deputación, que están a traballar para elo e que queren que caia na máis absoluta irrelevancia”, indicou.

 

Trenor lembrou que a lei asígnalle á deputación provincial “unha responsabilidade directa na axuda que ten que dar aos concellos de menos de 20.000 habitantes”. “Cumpra coa lei, sexa útil aos concellos e priorice na súa actuación de obriga de axuda e de asistencia aos concellos que non son capaces de prestar e garantir servizos aos veciños, porque desa forma vai ser útil a Galicia”, engadiu.

 

PROBLEMA DA AUGA

 

Na súa intervención, fixo unha mención especial ao problema da auga “porque estamos a tramitar no Parlamento a lei de garantía de abastecemento e a creación dun novo ente público de xestión do ciclo integral da auga para os concellos que voluntariamente de adhiran a el”. Neste sentido, explicou que “trátase dunha ferramenta falada e vista con bos ollos pola Fegamp, que quere pechar o círculo ofrecendo aos concellos a posibilidade de confiar en mans expertas os servizos de abastecemento, saneamento e depuración, e na que consideramos imprescindible a colaboración das deputacións”.

 

Respecto do actual orzamento da deputación para 2019, Gonzalo Trenor considerou que “fai un abuso da discrecionalidade e xa é recorrente o uso das subvencións a dedo ao amiguismo, tanto a concellos afines como a entidades próximas do Goberno provincial”. Ademais, dixo que “existe unha total e absoluta falta de previsión e, por suposto, unha nula ou pésima orzamentación, atendendo sempre aos criterios de eficiencia e eficacia que debe presidir a realización do gasto público”.

Síguenos nas redes sociais