Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular esixirá no Pleno que o Goberno central rectifique e tome medidas para garantir a continuidade da central térmica de As Pontes

15 Out 2019

Santiago, 15 de outubro de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se esixe ao Goberno central que rectifique a súa política enerxética e tome as medidas necesarias para garantir a continuidade da central térmica de As Pontes. Así mesmo, solicitará un compromiso expreso do Goberno do Estado para que non aplique novas subas de peaxes na AP-9, ao tempo que realiza diversas obras comprometidas tanto nos accesos a esta autoestrada como na liberación ou bonificación das peaxes.

 

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, salientou o extenso do Pleno da vindeira semana, no que se incorporaron 36 cuestións á orde do día, das que 27 son a iniciativa dos grupos da oposición. Ademais, subliñou que “19 iniciativas son de control ao Goberno galego, o que pon de manifesto que a maioría non coarta as iniciativas da oposición e o Goberno galego tampouco elude o control parlamentario”.

 

COMPARECENCIAS DA VALEDORA E EDUCACIÓN

 

A sesión plenaria inclúe a comparecencia da Valedora do Pobo, para presentar o seu informe anual correspondente a 2018; e da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional sobre o inicio do curso escolar no ensino non universitario de Galicia, no que están matriculados arredor de 400.000 alumnos nos centros galegos.

 

Dentro do apartado lexislativo, no Pleno debaterase a toma en consideración do proxecto de lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, a través do que se regulan estes establecementos e se garante a sustentabilidade e a salubridade do uso destas augas”. Así mesmo, debaterase a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular de medidas para a nova xestión dos saltos e aproveitamentos hidroeléctricos na Comunidade galega.

 

O Grupo Popular defenderá na sesión plenaria unha proposición non de lei a través da que se esixe ao Goberno central que garanta a continuidade no funcionamento da central térmica de As Pontes ata 2045, ao tempo que proceda á negociación urxente dun convenio de colaboración para a posta en marcha da Estratexia de Transición Xusta en Galicia e inclúa á Comunidade galega nas axudas europeas para as zonas mineiras afectadas pola transición enerxética.

 

Puy lembrou que esta central térmica “estaba traballando para adaptarse á normativa europea de emisións co horizonte certo de 2045 previsto pola Unión Europea de descarbonización da economía”. “Porén, desde a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno de España e con el a ministra Teresa Ribera, o único que temos son novas desfavorables para esta empresa, que están a facer que a situación na comarca comece a ser moi preocupante pola incidencia que ten esta empresa na zona”, sinalou.

 

PEAXES E MELLORAS NA AP-9

 

A segunda proposición non de lei “ten como obxectivo demandar ao Goberno de España, sexa o que sexa o que saia das próximas eleccións xerais, un compromiso expreso de que non se van aplicar novas subas de peaxe na AP-9, do mesmo xeito que as novas obras que se acometan non sexan financiadas con cargo a novos incrementos de peaxes aos usuarios”, concretou o portavoz popular.

 

Así mesmo, esta iniciativa demanda a execución de obras comprometidas para a mellora das conexións da autoestrada, como Alfonso Molina en A Coruña, o Enlace Orbital en Santiago, o Nó de Bombeiros en Pontevedra, medidas compensatorias en Chapela, integración urbana do ramal de entrada a Vigo ou a autorización da conexión da Vía Ártabra coa AP-9. Ademais, solicítase a activación á maior brevidade da liberación da peaxe entre Redondela e Vigo comprometida polo Ministerio de Fomento e a posta en marcha dun sistema de bonificación de peaxe para usuarios frecuentes da autopista de, cando menos, o 25% do itinerario de ida e volta.

 

Xa no apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas accións que está a facer ante o Goberno central para que rectifique a súa falta de solucións para que a industria electrointensiva manteña a súa actividade, moi especialmente no referente á planta de Alcoa en San Cibrao; sobre a oferta de prazas MIR para o próximo ano 2020 en Galicia; e sobre a negativa do Goberno central a transferir a totalidade dos 700 millóns que debe a Galicia. “Unha vez que está desfeito o problema xurídico para abonar as entregas a conta de 2019, tamén debe estalo para a devolución da mensualidade do IVE de 2017 e as compensacións por ser Galicia unha comunidade cumpridora en materia de déficit e débeda”, sinalou Pedro Puy.

Síguenos nas redes sociais