Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: "O PSOE vai pagar nas urnas o que non lle está dando a Galicia"

13 Out 2019

13, outubro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o PSOE vai pagar nas urnas o que non lles está dando a Galicia. Así se expresaba nunha entrevista en Radio Nacional, na que afirmou que Pedro Sánchez é un mal presidente para España “pero aínda máis especialmente para Galicia”, engadindo que, en lugar de ser a solución, resultou ser o problema.

 

Como recordou, o presidente non deixou de agraviar á Comunidade en todos os ámbitos nestes 15 meses, demostrando que Galicia non existe para os socialistas. Nese senso, referiuse á débeda de 700 millóns que o Executivo central ten cos galegos.  Así, resaltou que se trata de diñeiro que provén de impostos xa pagados polos cidadáns, que pertencen á Comunidade e que teñen que ir destinados a pagar os nosos servizos públicos.

 

O número dous dos populares galegos lamentou que se xogue de forma electoralistas cos recursos que son de Galicia e que o Goberno nin sequera se comprometa a pagar a totalidade da débeda, confirmando que aboará menos da metade tras meses de mentiras e contradicións, algo que deixou en evidencia que se trata dun Executivo irresponsable, moroso e mentireiro. Ademais, afeou a frivolidade do anuncio, que se fixo no plató dun programa de televisión dunha canle privada.

 

Así mesmo, confirmou que os populares esixirán ao Goberno de España estes cartos independentemente de cal sexa a súa cor política despois das vindeiras eleccións de novembro. Nese senso, salientou que o PPdeG defende a Galicia goberne quen goberne, “como fixemos con Rajoy e como facemos agora con Sánchez”.

 

Por todo isto, de cara aos comicios xerais, apelou a concentrar o voto moderado, de centro e de centro-dereira no seu partido, engadindo tamén aos votantes socialistas que non se senten representados por Sánchez e que entenden que a mellor fórmula para loitar polos intereses de Galicia é a do PPdeG.

 

DEFENDER O FUTURO DA NOSA INDUSTRIA

Sobre o futuro da central das Pontes, Tellado remarcou na entrevista que mentres os populares apostan por unha transición enerxética razoable, o Executivo do PSOE é o responsable do peche das térmicas xa que, coa eliminación do céntimo verde, asfixiou á central ata facela non competitiva malia que a súa vida útil estaba fixada ata o 2045. Acerca disto, mantivo establecer un marco fiscal que permita a súa viabilidade ata que haxa unha folla de ruta que si garanta unha transición xusta que non deixe na rúa a máis de 700 familias que viven de Endesa.

 

No tocante á situación de empresas como Alcoa, Ferroatlántica ou Megasa, que dependen do prezo da electricidade, demandou un estatuto da industria electrointensiva que estableza que este prezo permita a súa competitividade internacional, algo que o Goberno central puido ter feito antes pero que tamén podería facer agora en funcións. “Isto comprometeuno Sánchez nun mitin en abril na Coruña onde dixo que antes desas eleccións se aprobaría. Se hoxe non o temos é porque non fixo os deberes”, aseverou.

 

Pola contra, puxo en valor que cando o Executivo de Mariano Rajoy se enfrontou a  este tipo de situacións si aportou solucións pero que, para iso, “hai que ter vontade de solucionalo”.

Síguenos nas redes sociais