María Antón lembrou que “as actuais condicións laborais do persoal docente non universitario son produto dun axuste necesario derivado da decisión do Goberno bipartito e do real decreto-lei de 2012”.
No ámbito das infraestruturas educativas, a portavoz popular salientou que “o esforzo de planificación e execución de mellora dos centros docentes permitiu que neste ano a Xunta licitase a maior cantidade de obras dos últimos tempos”. “Estamos a falar dun plan que ten un percorrido ata 2021 e permitirá 116 actuacións cun investimento de máis de 200 millóns de euros, con obras que beneficiarán a máis de 33.000 alumnos”, apuntou.
IMPLANTACIÓN DE NOVOS PLANS
A portavoz popular tamén asegurou que a Consellería de Educación, “antes de implantar calquera plan, fai proxectos piloto para comprobar que as medidas se adaptan á realidade dos centros e dos cursos escolares, e posteriormente se implantan de xeito progresivo cun seguimento da evolución para introducir melloras cando é preciso”.
“Neste proceso, a implicación dos centros, equipo directivo e profesores é fundamental, porque a participación é voluntaria”, sinalou María Antón, quen engadiu que “non se obriga aos centros, se fomenta a súa implicación e se lles facilita asesoramento, ferramentas e equipamento”.