Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy afirma que o PPdeG continuará demandando no Pleno solución para as centrais térmicas e as industrias electrointensivas

07 Out 2019

Santiago, 7 de outubro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe que no Pleno desta semana “imos seguir apoiando as demandas para que desde o Goberno de España se adopten solucións en relación ás centrais térmicas de As Pontes e Meirama, así como demandando un novo estatuto para as empresas electrointensivas”.

 

Así mesmo, salientou “a certeza que o Goberno galego quere aportar á Comunidade galega coa aprobación do teito de gasto e a elaboración dos orzamentos para 2020, nun escenario político moi complexo pero facendo un exercicio de prudencia e responsabilidade”.

 

Pedro Puy salientou que a política industria terá un amplo espazo na sesión plenaria que se celebra esta semana, na que, ademais das preguntas que a oposición fará ao Presidente de Xunta, o conselleiro de Economía e Industria comparecerá a petición propia para falar da situación das centrais térmicas de As Pontes e Meirama.

 

ESTATUTO ELECTROINTENSIVAS

 

Así mesmo, referiuse á visita que a ministra de Industria fará mañá, xunto co Presidente da Xunta e o conselleiro de Industria, á factoría de Alcoa en San Cibrao, coincidindo co debate no Parlamento galego dunha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno do Estado que realice todas as accións necesarias encamiñadas a garantir os centros produtivos e os postos de traballo desta factoría, ao tempo que se garante un marco enerxético estable e competitivo, e se aprobe, de xeito inmediato, o estatuto de apoio ás empresas electrointensivas.

 

“Isto xa foi prometido polo candidato socialista á Presidencia antes das pasadas eleccións xerais, pero seguimos agardando porque é fundamental non só para o mantemento de Alcoa senón tamén doutras industrias electrointensivas asentadas no país”, sinalou.

 

Unha segunda cuestión importante que se debaterá no Pleno desta semana é a aprobación do teito de gasto da comunidade galega para 2020. Neste sentido, Puy destacou que, “a diferenza do que acontece noutras comunidades autónomas que desbotaron a idea de facer uns orzamentos para o vindeiro ano, en Galicia vaise continuar por unha senda de certeza xurídica sobre os principais conceptos de gasto que vai desenvolver a Xunta ao longo do exercicio orzamentario do ano que ven”.

 

SITUACIÓN NOVA

 

O portavoz popular lembrou que “é unha situación nova, porque se descoñecen as entregas a conta do Goberno central ás comunidades autónomas e o Consello de Política Fiscal e Financeira leva máis de un ano sen reunirse, contravindo o que di o seu propio regulamento”.

 

Porén manifestou que “a Xunta acerta dando estabilidade á economía cun teito de gasto realista e prudente, coa boa nova do incremento do gasto non financeiro nun 3,1 por cento, superando a barreira dos 10.000 millóns de euros, e cunhas previsións realistas tanto da evolución do desemprego, que baixará ata o 10,6 por cento en 2020, como de previsión de crecemento da economía do 2 por cento para 2019 e 1,9 por cento para 2020”.

 

Pedro Puy afirmou que “o proceso de recuperación das finanzas públicas se está consolidando, como o demostra o feito de que a Xunta contará o vindeiro ano con 1.700 millóns de euros máis que no ano 2015 e será o segundo ano consecutivo no que o teito de gasto é aprobado sen recorrer practicamente ao endebedamento, o que supón continuar reducindo o peso do endebedamento sobre o produto interior bruto”.

Síguenos nas redes sociais