Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo sinala que o Partido Popular sae a gañar en Galicia porque precisamos dun Executivo ao que lle importen os galegos

06 Out 2019

06, outubro, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, salientou que, o próximo dez de novembro, o Partido Popular sae a gañar en Galicia porque precisa dun Goberno ao que lle importen os galegos e que trate a todos os españois por igual.

 

Así, durante un acto sectorial de industria en Oleiros, no que estivo acompañado do presidente nacional, Pablo Casado, avogou por cambiar de Executivo central para que as cousas tamén muden: “Un Goberno que só se deba aos españois e que teña a Galicia na consideración que merece”. E, para iso, asegurou que só hai unha vía: “Uníndonos no Partido Popular”, facendo fincapé en que España necesita recuperar a estabilidade.

 

Nese sentido, o número un dos populares galegos volveu incidir en que a división do voto, ademais de traer só a vitoria de quen quere dividir, entrega o Goberno ao desgoberno e o Senado a quen busca o pacto cos que fracturan por territorios.

 

UN GOBERNO CONTRA GALICIA

Tal e como aseverou o líder do PPdeG, o que está pasando en España -as cuartas eleccións xerais en catro anos, a inestabilidade do país, o freo na creación de emprego, a corrección á baixa das previsións de crecemento e a asfixia financeira á que se somete a Galicia-, non é casualidade, senón “causalidade”, sinalando ao PSOE como a causa.

 

Igualmente, remarcou que para os socialistas a nosa Autonomía nunca é unha prioridade e así o demostran coas súas decisións, que non fan máis que repercutir de maneira moi negativa no futuro dos traballadores galegos: “Pido que a nosa industria se preserve e que non se faga un desmantelamento industrial e enerxético de norte a sur da nosa Comunidade”, en referencia aos problemas aos que se están enfrontando Ence, Alcoa, Endesa e Reganosa, grandes afectadas polas decisións erráticas, as improvisacións e as discriminacións do Goberno do PSOE.

 

Neste senso, referiuse tamén aos Orzamentos Xerais, nos que se baixaba un 30% o investimento en Galicia para aumentalo un 60% noutros lugares, á ausencia de prazos e datas concretas para o AVE galego, a obras pendentes -como o enlace orbital de Santiago, a estación de tren da Coruña, a variante norte de Ourense ou tramos do Camiño de Santiago-, ao bloqueo da transferencia da AP-9 ou á falta de avances no estaleiro 4.0 para Navantia e de proxectos para o Ano Santo, ademais de lembrar as moitas escusas e contradicións nas que cae o Executivo central para non pagar a Galicia os 700 millóns que lle debe Hacienda.

 

O PARTIDO POPULAR FALA DE ESPAÑA

O presidente dos populares galegos resaltou que, a diferenza dos outros partidos que só falan de si mesmos, de siglas, candidatos, listas, coalicións, pactos ou de reparto de cargos, o Partido Popular fala do importante: do que está facendo España e do que vai facer para evitar unha nova crise.

 

E, para rematar, engadiu que, en Galicia, aínda que aos grupos da oposición lle moleste, o PPdeG tamén seguirá falando de España, porque lle importa e porque lle afecta á nosa Comunidade. Deste xeito, Feijóo precisou que, igual que o PPdeG non quere para Galicia nin o que pasa noutras Autonomías gobernadas polo extremismo nin a inestabilidade que hai no conxunto do Estado, quere para toda España a centralidade e estabilidade que hai aquí. “Galicia -subliñou- desminte que o que sucede en España non ten remedio e claro que o hai: o remedio é o Partido Popular”.

Síguenos nas redes sociais