Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: “Sánchez é unha ameaza constante para o emprego e para a nosa industria”

02 Out 2019

2, outubro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que Pedro Sánchez é unha ameaza constante para o emprego tanto para a nosa Comunidade como para o conxunto do Estado. Así se expresaba tras publicarse os datos do paro de setembro, que tamén reflicten que, malia que as decisións do Executivo nacional non fan máis que prexudicar á nosa industria, “Galicia segue resistindo o efecto Sánchez no emprego”.   

 

Como destacou, na evolución anual, o paro continúa caendo na Autonomía, que está mellor que hai unha década, co desemprego descendendo un 5,61%. Ademais, en Galicia baixa o paro a maior ritmo que en España, mellorando o comportamento en case dous puntos e sendo a quinta Comunidade na que máis diminúe.

 

De igual xeito, indicou que seguimos superando o millón de afiliados á Seguridade Social cun aumento do 1,54%, cumpríndose xa máis de cinco anos de subidas consecutivas; e que a contratación sobe nun 10,24%, cun ritmo superior en case tres puntos ao de España.

 

“Seguimos marcando as distancias co conxunto do Estado pese a que o Goberno central paralizou a carga de traballo do naval ferrolán, aprobou un dieselazo prexudicial para o sector da automoción, segue sen dar unha solución ás empresas electrointensivas, aposta polo peche ENCE e agora pon en risco 750 postos de traballo que se perderían co peche de Endesa nas Pontes”, aseverou o número dous do PPdeG, que lamentou que os socialistas non parasen de atacar á industria galega nos últimos meses, “creando problemas onde non os había”.

 

No mesmo senso, afeou a actitude do PSdeG, que non é capaz de alzar a voz a favor dos intereses dos galegos: “Deixan claro que para eles o primeiro é a súa obediencia a Sánchez e non lles importa que detrás de cada decisión irresponsable haxa familias que se ven afectadas, desgraciadamente, sempre de maneira negativa”. “España xa sofre as consecuencias provocadas pola xestión do PSOE, co paro subindo e rexistrándose a menor subida do emprego desde 2013, e non podemos permitir que a Galicia lle ocorra o mesmo”, manifestou.

 

COMPROMETIDOS CO EMPREGO INCLUSIVO

Pola contra, o secretario xeral puxo en valor que o Goberno autonómico si cumpre co seu labor, salientando que, a través da Axenda 20, trabállase pola recuperación do mercado laboral e para impulsar en Galicia o emprego de calidade, un obxectivo que só se verá cumprido se se acompaña de medidas enfocadas a lograr un emprego inclusivo.

 

Nese sentido, recordou que a Xunta destina, cada ano, ao redor de 40 millóns de euros en accións de orientación, formación, contratación e autoemprego dirixidas ao fomento do emprego inclusivo e, especialmente, para acadar a plena inclusión das persoas con capacidades diferentes.

 

De feito, apuntou que este venres publícase a convocatoria pola que se abre o prazo do novo programa de formación dual destinado a persoas con discapacidade intelectual en colaboración cos centros especiais de emprego que ofrecen un contrato para a formación e aprendizaxe de tres anos de duración con acceso a un certificado de profesionalidade; unha medida que se vén sumar a outras como o Emprega Discapacidade ou as axudas aos centros especiais de emprego.

 

“Fronte a un Executivo central que se basea na improvisación, nos personalismos e no electoralismo, Galicia ten un Goberno que goberna e que xestiona dende hai unha década”, precisou Tellado admitindo que os galegos teñen o 10 de novembro a posibilidade de impedir sufrir con Sánchez o mesmo que vivimos con Zapatero e co bipartito: “paro, crise e recesión económica”.

Síguenos nas redes sociais