Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy salienta a centralidade do PPdeG fronte a unha oposición incapaz de poñerse de acordo nos aspectos relevantes para os galegos

30 Set 2019


Santiago, 30 de setembro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou hoxe que o Debate sobre o Estado da Autonomía deixou patente que “tanto o Presidente da Xunta como o PPdeG ocupan a centralidade no ámbito da modernización e na procura e busca de acordos para mellorar a situación económica, social e a calidade de vida dos galegos, fronte a unha oposición que non se puxo de acordo en ningún aspecto relevante para os galegos”.

 

 

Respecto do anuncio de peche da central térmica de As Pontes, Puy lembrou que é consecuencia “das decisións adoptadas polo Goberno central socialista ao decidir adiantar os prazos de cumprimento da directiva europea, que levan a perder máis de 200 millóns de euros que a empresa ía investir nesta central e a esta comarca a unha crise de emprego”.

 

Pedro Puy cualificou de “positivo e produtivo” o Debate sobre o Estado da Autonomía e as 57 resolucións que saíron aprobadas, das que 24 saíron adiante logo de acordos entre os grupos parlamentarios. “Só unha terceira parte desas 57 resolucións foron aprobadas co voto único do Grupo Popular, o que demostra que as propostas realizadas polo Presidente no seu discurso reúnen unha ampla maioría”, indicou.

 

O portavoz popular subliñou que os socialistas “só votaron en contra de dúas das resolucións aprobadas: en primeiro lugar, sorprende que non entendan que o Goberno central se ten que comportar con lealdade institucional coa Xunta de Galicia; e, en segundo lugar, se opuxeron a analizar, a nivel do conxunto de España, unha reforma da lei electoral para que se facilite que goberne a lista máis votada”.

 

Así mesmo, Puy concretou que “só unha desas 57 iniciativas aprobadas saíu adiante co único voto do Grupo Popular: en concreto, a que demanda esta reforma da Lei de réxime electoral xeral para dotar de maior estabilidade ás institucións a través de mecanismos que garantan o acceso aos gobernos daquelas candidaturas que acaden un maior apoio popular”.

 

ASUNTOS QUE PREOCUPAN A GALICIA

 

“Se se analizan as resolucións que se aprobaron no Debate sobre o Estado da Autonomía, pódese comprobar que están enriba da mesa os asuntos que máis preocupan a Galicia”, asegurou Pedro Puy. Porén, criticou que a oposición “non se puxo de acordo en cuestións tan básicas como o abono dos 700 millóns que o Goberno central debe a Galicia, a reforma do financiamento, o futuro das pensións, a banca pública, a política industrial, o Xacobeo 2021 ou o sistema universitario galego, ademais doutros asuntos como o fomento das exportacións, o impulso ao sector agrogandeiro, a situación de Venezuela, unha maior dotación de servizos aos concellos rurais, a defensa dos dereitos laborais ou o libre dereito a decidir dos pobos”.

 

“A conclusión é que o PPdeG ocupa a centralidade política en Galicia e enfronte ten unhas posicións moi contrapostas sobre as saídas que debe abordar Galicia nos vindeiros anos”, salientou.

 

Pedro Puy referiuse en concreto á resolución do Grupo Popular aprobada no Debate sobre o Estado da Autonomía, co voto favorable do socialistas, a abstención do BNG e o voto en contra do Grupo Común da Esquerda e do  Grupo Mixto, que pide a continuidade do emprego nas centrais térmicas de As Pontes e Meirama, así como na factoría de Alcoa en San Cibrao, de Parter en A Coruña, Megasa, Ferroatlántica e a totalidade de empresas electrointensivas de Galicia.

 

AMENAZA Á INDUSTRIA GALEGA

 

“A situación que vive a central térmica de As Pontes á unha consecuencia máis dos riscos das decisións adoptadas polo Goberno socialista de España e que están a ameazar á industria galega”, sinalou o portavoz popular. Neste sentido, considerou este caso “particularmente ferinte, porque Galicia é a segunda comunidade española con máis enerxía renovable no seu consumo e a propia Endesa asumira o compromiso de manter a súa actividade e contaba cun investimento de máis de 200 millóns de euros para adaptar a factoría ás normativas medioambientais europeas”.

 

Puy considerou “un sinsentido as decisións adoptadas polo Goberno central, que suporán que Galicia pase a ser deficitaria de enerxía, deixe de adaptar esa industria aos novos requisitos de contaminación europeos e imos perder moito emprego a cambio de importar enerxía de países como Marrocos que utilizan este tipo de fontes enerxéticas”, apuntou.

 

O portavoz popular lembrou que “a Xunta ten pedido reunións para ver como se podía facer unha transición enerxética cumprindo as directivas europeas”, pero lamentou que “esas peticións de diálogo tiveran como resposta o silencio do Goberno central”. Ademais, indicou que o Goberno galego “ten proposto alternativas para facer unha transición enerxética xusta e ordenada, como eliminar o céntimo verde ao carbón, executar os mecanismos de compensación por CO2    ou con retribucións específicas nos casos que se use biomasa forestal para o funcionamento das centrais”.

Síguenos nas redes sociais