Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy salienta que Feijóo “demostrou que ten un proxecto de país e continuará traballando con lealdade por Galicia”

25 Set 2019

Santiago, 25 de setembro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou que “o Presidente da Xunta demostrou que ten un proxecto de país, con 90 medidas a curto e medio prazo anunciadas esta mañá e continuará traballando con lealdade por Galicia”.

“Seguiremos traballando para afrontar con lealdade os problemas da sociedade galega e procurando solucións realistas; comportándonos con lealdade institucional e defendendo a Constitución e o Estatuto de Autonomía; e, por suposto, con lealdade ao pobo galego e aos compromisos que asumimos nas eleccións de 2016 e aos que hoxe anunciou o Presidente para o que resta de lexislatura”, indicou.

 

Na súa intervención no Debate sobre o Estado da Autonomía, Pedro Puy demandou á oposición ser “leais á verdade e respectar os feitos e os datos”, porque “é difícil dialogar con alguén que ve a Galicia esnaquizada e todo en negro”. “A verdade é que a realidade é outra, aínda que estamos nunha situación de desaceleración económica, pero acompañada dunha prolongación da fase expansiva e unha previsión de recuperación das exportacións”, engadiu.

 

“A inestabilidade política que vivimos a nivel nacional está xerando efectos negativos en toda a economía española, con retrasos nos investimentos e cambios nas contratacións”, manifestou. Neste sentido, lembrou que “afrontamos o cuarto proceso electoral nacional en catro anos, que levan a que a poboación española estea cabreada e decepcionada e pense que a calidade da democracia en España é cada vez peor”. Fronte a esta situación, contrapuxo que “a normalidade e estabilidade política en Galicia levounos a celebrar catro debates de autonomía neste mesmo tempo”.

 

RESPECTO Á VERDADE

 

Pedro Puy incidiu no “respecto á verdade” por parte dos grupos da oposición e subliñou que a estabilidade en Galicia está a permitir resultados positivos, como acadar en 2018 o máximo histórico de converxencia con España en produto interior bruto por habitante (o 90,1 por cento), converxendo desde o ano 2000 doce puntos coa media nacional e oito con Europa; que a taxa de destrución de emprego medraba ao 44 por cento en 2009 e agora cae ao 15 por cento; que Galicia sexa a comunidade na que máis medrou a renda familiar dispoñible durante a última década e a cuarta onde menos dificultades hai para chegar a fin de mes.

 

Así mesmo, Puy anotou que “nunca antes se gastou tanto en políticas sociais, chegando ao punto de que a Comisión Europea cualifique a Galicia como Rexión de Referencia; o investimento en sanidade é un 10 por cento superior ao de 2009; e na equidade do sistema educativo estamos por enriba de Finlandia, Canadá ou Noruega”.

 

RESPECTO INSTITUCIONAL

 

O portavoz popular tamén demandou lealdade institucional, porque “cada poder ten que respectar, en sentido negativo, o exercicio das competencias dos demais e colaborar, en sentido positivo, na boa consecución dos seus fins por cada administración”. “Lealdade institucional é respectar o que establece o Estatuto da Autonomía, e deste xeito convidar ao Presidente da Xunta, que exerce a representación da comunidade autónoma do Estado en Galicia, ás visitas institucionais que realizan membros do Goberno do Estado”, apuntou.

 

Neste punto, referiuse aos 700 millóns de débeda financeira que o Goberno central ten con Galicia e criticou que o abono destes cartos “era imposible cando non había investidura e agora é posible cando hai unha convocatoria de eleccións”. “Un bo galego de corazón estaría do lado da Xunta e un bo economista tamén estaría do lado do Goberno galego”, indicou dirixíndose ao secretario xeral dos socialistas galegos.

 

Para rematar, Pedro Puy defendeu a lealdade co país e dixo que “a oposición debe ser exercida de forma construtiva”. Así, lamentou que a oposición “o único que fai é poñerse en contra de todo o que faga o PPdeG, sen importarlle o que sexa”. “Así non contribúen e ganar credibilidade”, asegurou.

Síguenos nas redes sociais