Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento demanda prohibir a publicidade do xogo on line e presencial na radio e televisión galegas

18 Set 2019

Santiago, 18 de setembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a prohibir totalmente a publicidade do xogo on line e do xogo presencial de competencia autonómica na radio e a televisión de Galicia, independentemente do horario ou a concreta programación de que se trate. Ademais, acordouse instar ao Goberno do Estado para que faga o mesmo no ámbito da súa competencia.

 

A viceportavoz popular, Paula Prado, afirmou que “cada vez son máis os anuncios en materia de xogos e apostas cos que habitualmente nos bombardean as televisións e a prensa escrita”, polo que demandou que “o Goberno galego debe tomar as medidas necesarias para tentar paliar os efectos negativos desta publicidade dos xogos”.

 

Tomando como referencia distintas investigacións realizadas sobre este asunto, Prado indicou que “os efectos da publicidade son distintos dependendo da madurez do mercado”. “Nun mercado maduro pouca xente nova empeza a xogar e as propostas para facelo se manteñen estables no tempo, como acontecía cando a maioría das opcións de xogo eran presenciais (máquinas tragaperras) ou controladas polo Estado (lotarías e ONCE)”, apuntou.

 

MERCADO INMADURO

 

Porén, manifestou que “cando comezan a aparecer novas formas de xogo como as apostas online, estamos ante un mercado inmaduro, no que xente que nunca tiña apostado empeza a facelo, o mercado crece por momentos e a publicidade busca acelerar o proceso”. “Nestes mercados, a relación entre problemas de xogo e publicidade de xogo é moito máis probable porque a publicidade contribúe a que a xente comece a participar nestes xogos”, dixo.

 

Paula Prado explicou que, ademais de acelerar o aumento de persoas que desenvolven problemas de ludopatía, a publicidade é especialmente perigosa para dous colectivos en concreto: por un lado, as persoas que xa teñen problemas co xogo ou os tiveron no pasado e intentan manterse alonxados; e para a mocidade.

 

“Para os xogadores con problemas de adición, os anuncios son un recordatorio da súa adición que lles provoca ansiedade por xogar e menoscaban os seus intentos por moderar os hábitos de xogo; mentres que os mozos son un colectivo especialmente exposto a este tipo de publicidade, porque a principal mensaxe que lles chega é que gañar é fácil, as posibilidades de gañar son altas e que xogar é unha forma sinxela de facerse rico”, indicou.

 

INFORME ANUAL SOBRE ADICIÓN AO XOGO

 

Así mesmo, a viceportavoz popular defendeu que a nova Lei reguladora dos xogos de Galicia inclúa a creación dun Observatorio Galego do Xogo, que á súa vez será o encargado de facer unha enquisa anual sobre a evolución da adición ao xogo na Comunidade galega, prestando especial atención á xente moza.

 

Así mesmo, este Observatorio encargarase de elaborar unha estratexia política, en colaboración co Goberno do Estado, que permita prever e tratar a adición ao xogo na mocidade.

Síguenos nas redes sociais