Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo avoga porque o Partido Popular volva ser o punto de encontro do centro-dereita e desbloquear o país

08 Set 2019

08, setembro, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, resaltou que o Partido Popular necesita ser outra vez o punto de encontro e ese partido aglutinador que conseguiu dez millóns de votos e que nas eleccións de abril se disgregaron en tres formacións. Porque, segundo Feijóo, o que estivo unido debe manterse unido, polo que avogou por volver sumar o voto de centro-dereita para desbloquear o país e para que a esquerda e os independentistas non gobernen en España.

Segundo sostivo nunha entrevista na Radio Galega, o partido traballa ante unha posible repetición electoral, máis cando Pedro Sánchez se dedica a dar un mitin para presentar o seu programa de goberno. E remarcou que os asesores de Sánchez, que son os que saben o que vai acontecer, cren que as novas eleccións van beneficialo, cando, tal e como asegurou Feijóo, o que van é a prexudicar a España. Para o líder dos populares galegos, uns novos comicios –serían os cuartos en catro anos-, ademais de supor un problema económico e social, situarían a España dentro dos países inestables da Unión Europea.

 

UNHA DECISIÓN POLÍTICA E INTENCIONADA DE PEDRO SÁNCHEZ

Así mesmo, referiuse á negativa do Goberno central a aboar os 700 millóns de euros que lle adebeda a Galicia. Un diñeiro, apuntou, que os galegos pagaron cos seus impostos e que o estado está retendo. Para Feijóo, o bloqueo de Pedro Sánchez ás facendas autonómicas é un tema político, non xurídico: “É unha decisión política intencionada e premeditada para bloquear as facendas autonómicas, non hai razóns xurídicas”.

 

“Un goberno en funcións non só pode, senón que debe cumprir co sistema de financiamento”, engadiu o líder do PPdeG, quen incidiu en que cada semana que pasa o problema agrávase e os servizos públicos teñen máis incerteza, e iso non o merecen os galegos. Ademais dun agravio, considerouno un intento de colapsar as contas de todo o país, xa que, tal e como explicou, o 50% do gasto público do Estado o están xestionando as Comunidades autónomas.

 

Do mesmo xeito, sinalou que se a ministra de Hacienda asegura que este asunto estará solucionado na primeira quincena de decembro, “por que non na primeira de setembro?”. Neste senso, salientou que se o Goberno central tivese vontade de poñer fin a esta cuestión aprobaría un Real Decreto Lei, do que dixo que contaría co apoio unánime da Cámara, porque non hai máis razóns de urxencia que o propio financiamento da sanidade, da educación ou dos servizos sociais.

 

MANTER A CENTRALIDADE E A ESTABILIDADE EN GALICIA

Por outra banda, o líder dos populares galegos destacou que manter a centralidade nas políticas e unha estabilidade no goberno e nas institucións será o eixo do novo curso político, unha cuestión, recalcou, que cobra cada día máis importancia pola inestabilidade na que se atopa España.

 

Subliñou que “a frivolidade” e o “personalismo político” están a afectar aos problemas que ten España. Neste senso, aproveitou para referirse ao escenario de “enorme complexidade” polo que pasa a industria galega, en concreto, abordou os problemas de Alcoa, das centrais térmicas e do sector da automoción. Así mesmo, indicou que o Executivo galego xa está traballando nos orzamentos para o vindeiro ano, a pesar das trabas do Goberno central en canto a facilitar a información necesaria: “Un goberno que estea en funcións non significa que non teña funcións; pero este goberno en funcións tampouco funciona e non concreta as previsións de ingresos para o ano 2020 de IRPF e IVE”.

Síguenos nas redes sociais