Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo: “O Partido Popular vai ser un seguro a todo risco de goberno e estabilidade para todos os galegos”

07 Set 2019

7, setembro, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que o seu partido vai ser un seguro de goberno e estabilidade para todos os galegos. “Un seguro a todo risco ante o Goberno central e ante a oposición que hai en Galicia”, dixo durante o acto de inicio de curso político dos populares na nosa Comunidade no que estivo acompañado polo líder do PP, Pablo Casado.

Na súa intervención, asegurou que os galegos poden estar seguros de que neste partido si hai goberno e hai estabilidade, de que vai defender a súa liberdade lingüística, de que hai responsabilidade na xestión e de que vai apoiar ás familias máis que nunca e de que está ao seu servizo. Enfatizou que “as portas de este partido están abertas a todos galegos” que queren todo isto.

 

EN GALICIA SI E EN ESPAÑA NON

De igual xeito, Feijóo admitiu que na nosa Comunidade si hai certezas e proxecto, un goberno centrado nos problemas da xente e tamén retos en beneficio de todos para acadar unha Galicia máis verde, máis familiar, máis moza e máis innovadora. Pola contra, lamentou que España non viva esta situación, xa que mentres os galegos teñen na Xunta compromiso, respecto e traballo ao seu servizo, o Goberno central ofrece xustamente o contrario.

 

Nese senso, apuntou que non é casualidade que a nosa sexa a única Autonomía que Pedro Sánchez non visitou nunca como presidente nin o é que moitos dos seus ministros eviten reunirse co Goberno galego: “Senten bochorno”, apuntou Feijóo, polo que non fan, por incumprir os seus compromisos e por como tratan a Galicia, porque se están ao carón da Xunta aínda quedan máis en evidencia. “O protagonista da falta de rigor nas administracións públicas só ten un nome: Pedro Sánchez”, salientou.

NON SE PODE ADMITIR O DESPREZO E A CHANTAXE  

Así mesmo, o líder do PPdeG subliñou que non vai aceptar que o Executivo central continúe tratando a Galicia a través do desprezo e da chantaxe, como tampouco o fixo cando os socialistas presentaron un presuposto no que baixaban un 30% as inversións en Galicia mentres as aumentaban un 60% noutros lugares.

 

Ao respecto, lembrou que o PSOE segue sen dar certezas ao futuro dos traballadores de Alcoa malia que nos seus mitins dicían que si, non ofrece ningunha alternativa ás miles de familias galegas vinculadas ao sector forestal que perden o seu emprego e ingresos, pon escusas para seguir poñendo en cuestión cada un dos proxectos que están comprometidos e confirmados para Galicia e continúa retendo 700 millóns de euros dos impostos dos galegos.

 

Por todo isto, fixo fincapé en que non se debe apoiar a continuidade dun executivo que leva meses demostrando que é frívolo e egocéntrico, ao tempo que matizaba que aquí tamén padecemos o seu sectarismo e a súa falta de goberno: “Non vou admitir máis que se nos menosprece, que se nos minta e que se nos prexudique”, remarcou pedindo unha resposta clara e de maneira unida por parte dos galegos xa que “con Galicia no se xoga”.

UNIDOS NO PP

Segundo aseverou o presidente, o seu partido será portavoz de esa Comunidade unida porque “a suma en Galicia é o PPdeG”. Neste sentido, recordou que unidos no PP é como esta terra progresa, é estable, crece, fixo fronte a grandes dificultades, volveu crecer, non admitiu que se importaran os problemas derivados do nacionalismo e do populismo.

 

Por outra banda, Feijóo tamén sinalou que os socialistas non souberon xestionar a súa vitoria “e isto levaralles á súa derrota” xa que perderon a confianza de moitos españois que se senten estafados. “Esta lexislatura é xa un fracaso”, sentenciou.

Síguenos nas redes sociais