Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy incide que “existen distintas formas” para que o Goberno central transfira a Galicia os 700 millóns que lle debe

02 Set 2019

Santiago, 2 de setembro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, incidiu hoxe que “existen distintas formas” para que o Goberno de Pedro Sánchez transfira á Comunidade galega os 700 millóns que lle debe das entregas a conta, o IVE e as compensacións por ser unha comunidade cumpridora. Neste sentido, en referencia ao secretario xeral dos socialistas galegos manifestou que “sorprende que quen pretende defender os intereses de Galicia o estea facendo dunha forma máis sanchista que Pedro Sánchez, apoiando unha posición inasumible do Goberno de España que prexudica dunha forma importante a Galicia”.

 

Pedro Puy sinalou que o inicio deste novo curso parlamentario e do novo período de sesións “vén marcado pola incerteza respecto do fracaso na formación do goberno do Estado” e sobre a actividade política en Galicia concretou que “ten dúas previsións de traballo significativas: a celebración do Debate sobre Estado da Autonomía e a presentación e tramitación dos orzamentos da Xunta par 2020”.

 

DARLLE SAÍDA AO PROBLEMA

 

Respecto das contas para 2020, o portavoz popular indicou que “veñen marcadas pola necesidade de resolver dunha vez por todas o problema dos 700 millóns de euros que o Goberno do Estado lle debe á Xunta polas entregas a conta, unha mensualidade do IVE e as compensacións ás autonomías cumpridoras cos obxectivos do déficit”.

 

“Hai distintas formas de facer estas transferencias”, subliñou Puy, quen recordou a modo de exemplo a aprobación polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy de medidas para facer fronte a gastos urxentes de interese xeral ou a proposta feita por expertos en financiamento autonómico de que as comunidades autónomas incrementen a débeda. Porén, dixo que esta última proposta “gústanos menos porque suporía reverter por causas alleas ás comunidades autónomas o incumprimento do obxectivo de déficit”.

 

“O que debe facerse antes de que remate o exercicio é darlle unha saída a este problema porque a situación é suficientemente urxente e hai motivos de interese xeral que xustifican esta cuestión”, manifestou.

 

DEMANDA APOIADA POR GOBERNOS SOCIALISTAS

 

Pedro Puy lembrou que “distintos gobernos autonómicos socialistas tamén teñen demandado estas entregas a conta”, porque “é meridianamente claro a quen pertencen eses cartos”. Por este motivo, amosouse sorprendido porque o secretario xeral dos socialistas galegos, “que pretende defender os intereses de Galicia, estea defendendo dunha forma máis sanchista que Pedro Sánchez unha posición inasumible do goberno de España e que prexudica dunha forma importante a Galicia”.

 

“O Goberno galego leva denunciando e reclamando desde hai tempo a transferencia destes cargos, sempre con absoluta lealdade ao Goberno central”, salientou o portavoz popular, quen lembrou que a Xunta “ten solicitado unha reunión do Consello Xeral de Política Fiscal e Financeira para tratar este asunto”. “Se o señor Gonzalo Caballero non é capaz de valorar o traballo que fai o Goberno galego é que ten unha percepción da política preocupante e lonxe dos intereses de todos os galegos”, sinalou.

Síguenos nas redes sociais