Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: “Feijóo foi o primeiro en pedir que o Goberno pague o que debe e Gonzalo Caballero está sendo o último en defender a Sánchez”

30 Ago 2019

30, agosto, 2019. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que, mentres Feijóo foi o primeiro en pedir que o Goberno central pague o que lle debe ás autonomías, Gonzalo Caballero está sendo a última persoa en España en defender a Pedro Sánchez.

 

Así, puxo en valor que fose Galicia –á que o Executivo socialista lle adebeda 700 millóns- quen iniciase esta reivindicación xusta de todas as autonomías, sendo seguida por comunidades gobernadas por outros partidos e mesmo gobernadas polo PSOE, como Aragón, Comunidade Valenciana ou Baleares. 

 

De feito, o número dous do PPdeG manifestou que os únicos que nestas semanas se mantiveron na postura de “defensa do indefendible” foron os líderes do PSdeG, “con presidentes de comunidades socialistas que están reclamando unha solución, mentres os socialistas galegos están pedindo que non se lle dea a Galicia o que é dos galegos, esperando a que se enquiste o problema, a ver se con iso poden sacar algún rédito partidista”.

 

“Nós cremos que tan malintencionado é xogar coa prestación de servizos públicos para facer táctica política, como está facendo Pedro Sánchez; como malintencionada é a posición de Gonzalo Caballero, que parece que está desexando que Galicia teña que recortar en servizos sociais, como xa anunciaron a Comunidade Valenciana ou as Illas Baleares, para axustar o seu Orzamento por culpa de Sánchez”, aseverou.

 

Así mesmo, sinalou que “dunha persoa que di querer ser presidente da Xunta, cremos que o mínimo que cabería agardar é que defendese os intereses de Galicia e os seus servizos públicos”, ao tempo que recoñecía que “só de alguén coa pouca experiencia política e coa fraxilidade orgánica de Gonzalo Caballero se pode agardar que prefira ser o único que lle faga a pelota a Pedro Sánchez en toda España antes ca defender o que calquera entende que é unha reivindicación xusta e proporcionada do conxunto dos gobernos autonómicos”.

 

SE O GOBERNO QUERE, PODE

O secretario xeral aproveitou para afirmar que se o Executivo central quixese, podería solucionar este asunto a través das vías legais dispoñibles: “Pedro Sánchez podería levar hoxe ao Consello de Ministros un decreto lei que estaría vixente o mesmo día da súa publicación  e tería que ser ratificado no Congreso nun prazo máximo de 30 días. O problema é que o Goberno non quere e por iso non pode resolver esta situación, cun presidente que antepón as súas ambicións persoais aos intereses do conxunto de españois”.

De igual xeito, lembrou que esta semana vivimos unha situación moi grave por mor das continuas mentiras do Goberno de Sánchez, que dixo no seu día que había un informe da Avogacía do Estado que impedía realizar estes pagos e mentiu, xa que cando se lle reclamou confesou que non existía, para filtrar outro unhas horas despois a un medio de comunicación. Ademais, recordou que tamén dixo varias veces que estaban explorando posibilidades para acometer estes pagos e volvía mentir, porque o informe posterior dicía claramente que non se consultou ningunha vía legal para acometelo.

 

“E nesta espiral de mentiras e medias verdades, o Goberno socialista dixo que necesitabamos sacar adiante a investidura para ter estas entregas a conta. Incluso chegou a confesar que estas transferencias podíanse realizado sen ningún problema antes das Eleccións Xerais”, engadiu o secretario xeral amosando a chantaxe de Sánchez para obter respaldo nunha sesión de investidura que ninguén partido parece querer prestarlle.

 

UN NOVO INICIO DE CURSO POLÍTICO

Por outra banda, Tellado tamén a avanzou a data do tradicional acto de inicio de curso político do seu partido que terá lugar o vindeiro sete de setembro no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.

Como sinalou, este evento reunirá unha vez máis a centos de cargos públicos, afiliados e simpatizantes, que se achegarán á carballeira de San Xusto para coller forzas ante un novo curso que será intenso, de moito traballo e ilusionante. “Temos uns meses politicamente moi interesantes por diante e cremos que non hai mellor marco nin mellor momento para celebralo có vindeiro sábado, nun lugar que xa é icónico para os populares galegos”, recalcou.

Cómpre destacar que malia que este acto non poderá contar coa presenza de Pablo Casado, o presidente do PP si visitará a nosa Comunidade o próximo 14 de setembro.

Síguenos nas redes sociais