Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy sinala que o Parlamento de Galicia é dos que ten máis intensidade de traballo e a oposición máis capacidade de control

26 Ago 2019

Santiago, 26 de agosto de 2019.- O voceiro do Grupo Popular, Pedro Puy, sinalou hoxe en rolda de prensa que o Parlamento de Galicia é, dentro do ámbito dos parlamentos autonómicos, o que ten máis intensidade de traballo e que a oposición ten máis capacidade de control, xa que presenta máis do 80% das iniciativas que se debaten.

 

O voceiro parlamentario fixo balance das leis aprobadas no finalizado período de sesións: Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia; Lei de ordenación farmacéutica; Lei de administración dixital; Lei polo que se concede un suplemento de crédito para o reforzo de actuacións prioritarias para o ano 2019 e a Lei de patrimonio natural de Galicia. Así mesmo recordou que na actualidade, e a espera dos proxectos que o Goberno ten informado que remitirá á Cámara,  están en trámite os proxectos de lei de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e o de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.

 

No balance parlamentario presentado, Pedro Puy, indicou que o 80,94% das iniciativas de impulso (PNLs) debatidas no pleno foron presentadas pola oposición e das 185 aprobadas, 78 ( 42,2%)  o foron por unanimidade de todos os grupos. En Comisión, indicou, o ámbito de acordo foi aínda maior, xa que das 424 iniciativas de impulso aprobadas, dúas de cada tres (o 66,5%) foron aprobadas por unanimidade, pola capacidade de pactar e chegar ao acordo de todos os grupos.

 

Polo que respecta a actividade de control da oposición, o voceiro popular sinalou que, sumando plenos e comisións, os membros do Goberno galego teñen comparecido 2,3 veces cada día da presente Lexislatura.

 

Pedro Puy indicou que, a poucos días do comezo do período de sesións ordinario, “comezamos un período de intenso traballo, con dúas leis xa rexistradas e en trámite, co Debate do Estado da Autonomía e veremos que ocorre con relación aos orzamentos”.

 

Ante a incertidume estatal “nós seguiremos a traballar para que haxa confianza na economía galega, que permite crecer, xerar confianza pola estabilidade política existente e defendendo as políticas sociais que estamos a realizar, cumprindo todas as normas de gasto público e que esperemos que se cumpran por todas as partes” indicou Pedro Puy. É dicir, “continuaremos a impulsar as políticas que tan bo resultado están dando ao noso país”.

Síguenos nas redes sociais