Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado acusa ao PSdeG de ser cómplice silencioso do desgoberno de Pedro Sánchez e de facerlle oposición a Galicia

25 Ago 2019

25, agosto, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, instou novamente ao Goberno socialista a que abandone as escusas e transfira dunha vez a Galicia os 700 millóns de euros que lle corresponde e que son recursos de todos os galegos.

 

Neste senso, dixo que o Executivo de Pedro Sánchez está aplicando neste asunto a estratexia da chantaxe e que o PSdeG o está a utilizar “como arma para facerlle oposición a Galicia”.

 

Segundo apuntou nunha entrevista na Cadena SER, a diferenza do PSdeG, o Goberno galego está a ser igual de reivindicativo co goberno de Pedro Sánchez que co de Mariano Rajoy: “Aqueles que criticaban tanto a Mariano Rajoy, agora son cómplices silenciosos do desgoberno de Pedro Sánchez”. Así, puxo como exemplo a situación da industria electrointensiva para afondar en que, a diferenza do Goberno do Partido Popular que si adoptaba medidas para acadar solucións, “Pedro Sánchez aplica a chantaxe”. E é que, tal e como explicou, cada vez que se lle pide que resolva un problema, pide antes o apoio para a súa investidura.

 

Ante a posibilidade dunhas novas eleccións xerais, o secretario xeral dos populares galegos indicou que sería “o resultado da desidia e da ambición desmedida de Pedro Sánchez”, o que, precisamente, está a causar unha situación de parálise en España desde hai máis dun ano.


O GOBERNO DA MAIORÍA SOCIAL


“O PPdeG leva anos sumando”, salientou Tellado, quen recordou que desde 2009 os galegos levan depositando a súa confianza maioritaria nun proxecto político “de amplo espectro, baseado na maioría social de galegos que queren estabilidade, un goberno moderado, reformista, centrado nos problemas e que tome decisións”.

 

Subliñou que a alternativa ao PPdeG é a suma do PSdeG, BNG, Podemos e as Mareas de Podemos, polo que fixo fincapé en que “Galicia non precisa un goberno das catro esquerdas que se repartan a Xunta, senón a estabilidade que dá un goberno do PPdeG: moderado, centrado e que representa á maioría social”. Neste senso, Tellado aproveitou para poñer en valor o traballo do presidente Feijóo por mellorar esta comunidade e incidiu en que hai unha estabilidade que non hai a nivel nacional, que está dando os seus froitos no ámbito económico, do emprego e no desenvolvemento dos servizos públicos.

 

Cualificou de positiva a oferta que o PP nacional fixo ao resto de partidos de centro dereita para acudir unidos ás urnas baixo a marca España Suma. E, en referencia a Galicia Suma, o número dous dos populares galegos asegurou que esa fórmula na nosa comunidade non é necesaria, xa que “en Galicia quen suma é o PPdeG” e os datos electorais dos últimos dez anos así o acreditan. “A nosa marca é PPdeG, a que máis suma e a que máis valor engadido ten”, engadiu Tellado.

Síguenos nas redes sociais