Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Miguel Tellado salienta a “preparación, profesionalidade e independencia” da candidata a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño

26 Xul 2019

Santiago, 26 de xullo de 2019.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, destacou hoxe da candidata a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, a súa “preparación, profesionalidade e independencia”. A Xunta de Portavoces acordou esta mañá que a designación da nova Valedora do Pobo se debata o vindeiro luns nunha sesión da Comisión de Peticións e o mércores nun Pleno Extraordinario, no que tamén se abordará a aprobación definitiva do proxecto de Lei de Patrimonio Natural.

Ao remate da Xunta de Portavoces, Tellado lembrou que, “unha vez celebradas as eleccións municipais do pasado mes de maio, o Grupo Popular levou a cabo contactos cos grupos da oposición para a designación da nova Valedora do Pobo, conversas que agora nos permiten presentar unha candidata preparada e independente que conta con apoios suficientes para saír elixida polo Pleno do Parlamento”.

 

QUITAR O VALEDOR DO DEBATE PARTIDISTA

Neste sentido, o viceportavoz popular avogou por “quitar o Valedor do Pobo da crítica e o debate entre os partidos políticos” e incidiu que se trata dunha candidata “independente, que ten un currículo profesional que fala por si solo, con amplos coñecementos xurídicos e experiencia profesional”.

 

Miguel Tellado agradeceu o traballo desenvolvido nestes últimos cinco anos pola Valedora do Pobo saínte, Milagros Otero, “que conseguiu dar un pulo importante á institución e a súa presenza entre a sociedade galega”. En concreto, salientou, recollendo os datos facilitados no último informe de actividade presentado no Parlamento, que en 2017 atendeu 25.000 expedientes máis que o ano anterior, multiplicou por dez as queixas de oficio (pasando de 21 en 2016 a 224 en 2017) e incrementou as queixas recibidas desde os concellos do rural galego (pasando de representar o 0,01 por cento en 2016 ao 12 por cento en 2017).

 

MARCO NORMATIVO MÁIS MODERNO

Na mesma sesión plenaria na que se debaterá a elección da nova Valedora do Pobo tamén se tratará a aprobación definitiva do proxecto de Lei de Patrimonio Natural de Galicia, unha norma que “dota á Comunidade galega dun marco normativo máis moderno e adaptado aos problemas aos que se enfronta na actualidade o patrimonio natural, logo de 18 anos de aplicación da Lei de Conservación da Natureza”, explicou Miguel Tellado.

 

Así mesmo, apuntou que o obxectivo desta nova lei é combinar a máxima protección da riqueza natural e a biodiversidade galegas, coa garantía de que as xeracións presentes e futuras gocen deste patrimonio común”. Este texto lexislativo consolida a importancia da protección medioambiental sobre a ordenación do territorio, fomenta os mecanismos de participación pública na súa xestión e persegue as agresións ao patrimonio natural cun novo réxime sancionador, máis duro e que incida na reparación do dano causado.

Síguenos nas redes sociais