Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular demanda á oposición que “deixe traballar á Mesa da Limia para avaliar a problemática dos residuos da actividade agrogandeira”

27 Xun 2019

Santiago, 27 de xuño de 2019.- O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado demandou hoxe aos grupos da oposición que “deixar traballar á Mesa da Limia, creada para avaliar a problemática dos residuos que orixina a actividade agrogandeira nesta comarca ourensá e en toda Galicia”. Así mesmo, avogou por “apoiar o mantemento dunha actividade agrogandeira rendible e sustentable, para o que a Consellería do Medio Rural está a traballar na recuperación e posta en valor das terras agrarias e na elaboración dunha lei específica de potenciación da calidade das producións do agro e o respecto do medio ambiente”.

 

Carlos Gómez lembrou que a Mesa da Limia foi constituída o pasado 3 de abril, cumprindo un compromiso da Consellería do Medio Rural, coa participación de todos os sectores implicados no desenvolvemento agrario desta comarca.

 

INSTRUMENTO ÚTIL E ACAÍDO

 

“Todos celebraron a constitución desta Mesa como un instrumento útil e acaído para, no tocante aos xurros e estercos, se realice unha análise rigorosa da situación que se está dando na comarca da Limia e, por extensión, noutras zonas galegas cun alto volume de produción gandeira”, indicou.

 

Unha vez realizada esta análise, o deputado popular engadiu que “será o momento de abordar, desde unha visión participativa e racional, as posibles solucións a este problema, das que a Consellería xa ten avanzado algunhas medidas como a creación dunha planta de xestión de residuos agrogandeiros e a posta en marcha da planta de Sarreaus”.

 

Deste xeito, asegurou que “a Xunta está traballando, contando coas achegas dos membros da Mesa da Limia, en propostas como a regulación da xestión dos residuos animais e a promoción da calidade dos produtos autóctonos, coa implicación e compromiso por parte das empresas agroalimentarias nun modelo baseado na excelencia da calidade e nun auténtico respecto polo medio ambiente, que son os requisitos que demandan actualmente os consumidores europeos”.

Síguenos nas redes sociais