Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego demanda ao Ministerio de Agricultura que aumente os controis sobre a venda fraudulenta de produtos agroalimentarios

27 Xun 2019

Santiago, 27 de xuño de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Ministerio de Agricultura o aumento dos controis sobre a venda fraudulenta de produtos agroalimentarios con referencias xeográficas non acreditadas por algún selo de calidade diferencial, ao tempo que impulse os mecanismos adecuados de control para a protección e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos con selos de calidade diferenciada.

 

O portavoz do Medio Rural, Moisés Blanco, salientou que “os produtos galegos teñen un estrito proceso de produción e transformación para que chegue ao consumidor final nas mellores garantías, polo que non podemos permitir que esa imaxe de calidade se vexa danada por ningún tipo de prácticas fraudulentas”.

 

“Desde o PPdeG defendemos a completa transparencia no etiquetado de produtos alimentarios co fin de dar a coñecer ao consumidor a procedencia destes alimentos e as características que o conforman”, sinalou.

 

CONTROL DESDE DISTINTOS ÓRGANOS

 

Blanco explicou que, dependendo do punto no que se atope o produto, o control realízano distintos órganos: no mercado interior, a gran maioría dos controis están transferidos ás comunidades autónomas e o Goberno central actúa como coordinador dos diferentes programas de control, pero tamén facendo controis no mercado exterior. “Neste caso, o Ministerio de Agricultura coordina os controis que fan as comunidades autónomas, tanto os de control de calidade como os de produtos de calidade diferenciada”, especificou.

 

“A Xunta de Galicia está cumprindo a súa obriga de control e sanción, pero non así outras comunidades autónomas”, lamentou o portavoz popular, quen salientou que, no informe anual das actuacións de control realizadas en 2018 do Plan de Control Oficial da Cadea Alimentaria, Galicia sitúase como a segunda comunidade autónoma, despois de Andalucía, en número de sancións.

 

Deste xeito, sinalou que “Galicia non pode obrigar a que outros territorios leven a cabo a función inspectora coa rigorosidade precisa, polo que cómpre que o Ministerio, dentro das súas competencias de coordinación dos controis, comine ás administracións autonómicas que case non sancionan a facelo coa frecuencia necesaria”.

 

SECTORES APÍCOLA E VINÍCOLA

 

Na súa intervención, Moisés Blanco referiuse en concreto ao sector apícola galego, que conta coa Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia que representa máis do 64 por cento do volume total de produción de mel certificada de España. Neste sentido, lembrou “a crecente importación de mel de países nos que a seguridade alimentaria no é tan esixente”, ante o que os apicultores galegos “demandan máis controis e cambios que diferencien as súas producións fronte ás doutros países, co obxectivo de que os consumidores identifiquen claramente a orixe do mel que mercan e levan aos seus fogares”.

 

Do mesmo xeito, no ámbito do sector vinícola “hai situacións nas que tamén se producen situacións fraudulentas cando se vende viño de mesa ou a granel, e tamén augardentes e licores, con nome galego ou elaborado por adegas galegas pero con uva doutras comunidades autónomas, o que prexudica claramente aos viticultores galegos e ás denominacións de orixe galegas”.

 

Blanco destacou que coa aprobación desta iniciativa “mandamos unha mensaxe clara aos produtores na defensa dos nosos produtos agroalimentarios, recoñecendo o seu traballo e dedicación”, ao tempo que se traslada “unha mensaxe de tranquilidade aos consumidores na defensa da súa saúde e benestar”.

Síguenos nas redes sociais