Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento demanda á Xunta fomentar parques públicos de vivendas en alugueiro social nos concellos de menos de 20.000 habitantes

26 Xun 2019

Santiago, 26 de xuño de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a fomentar, en colaboración coa Fegamp, a constitución de parques públicos de vivenda en alugueiro social nos concellos de menos de 20.000 habitantes, co emprego simultáneo das liñas de axudas de que dispón a Xunta de Galicia para a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal.

“O obxectivo desta iniciativa é dobre: por unha parte, ampliar o parque público de vivendas e, por outra, fixar poboación nestes municipios de menor poboación”, sinalou o portavoz de Vivenda, Jaime Castiñeira.

 

Así mesmo, o Grupo Popular aceptou como adición a emenda presentada polo Grupo Socialista á través da que se insta á Xunta a aumentar, en colaboración con todos os concellos de Galicia, o parque público de vivenda en alugueiro social facendo uso de todas as liñas de axudas e investimentos destinadas a vivendas de promoción pública, tanto para a nova creación como para a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal, así como a posta a disposición de vivendas por parte de particulares a través dos programas pertinentes.

 

Na súa intervención, Castiñeira lembrou que a Xunta ten competencia exclusiva en materia de política de vivenda en Galicia, “pero entre as competencias dos concellos tamén se atopa a promoción e xestión da vivenda de protección pública con criterios de sostibilidade financeira”. Porén, lamentou que “a meirande parte dos concellos galegos non exercen esta competencia, unha situación que resulta incomprensible naqueles de menor poboación e recursos insuficientes para dotarse dun parque público de vivendas”.

 

Jaime Castiñeira indicou que a Xunta conta cun parque público de 3.600 vivendas en alugueiro, así como axudas destinadas aos concellos para facilitar a constitución dun parque público de vivenda en alugueiro destinadas a familias con menos recursos, como o Fondo de Cooperación, o programa de rehabilitación de vivendas de mestres ou as axudas para infravivenda rural.

 

DÉBEDA NAS XESTURES DO GOBERNO BIPARTITO

 

Así mesmo, criticou que “o anterior Goberno bipartito da Xunta deixou unha débeda nas Xestures galegas de 280 millóns de euros, que o actual Goberno galego tivo que abonar ao longo destes últimos anos”. “Con estes cartos, se poderían ter construído arredor de 280.000 metros cadrados de vivenda, o que se traduciría nunhas 3.000 novas vivendas públicas que non se puideron construír pola débeda deixada polo bipartito”, lamentou.

 

“Neste momento, vivos de celebrar a constitución das novas corporacións locais, polo que entendemos que é un momento importante para que os concellos se acollan a estes programas da Xunta e, ao mesmo tempo, adoptar medidas dirixidas á estabilidade da poboación nestes concellos con menor poboación”, sinalou o portavoz popular.

Síguenos nas redes sociais