Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG demanda que a Deputación de Pontevedra realice as xestións oportunas para a crear unha titulación oficial na Escola de Canteiros de Poio

26 Xun 2019

Santiago, 26 de xuño de 2019.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira demandou hoxe no Pleno do Parlamento que a Deputación de Pontevedra, como administración titular da Escola de Canteiros, realice as xestións oportunas ante o Goberno central para poder impartir formación regrada que permita obter un título oficial de formación profesional, así como que se estude a posibilidade de homologar retroactivamente todos os títulos expedidos por esta Escola ao longo dos seus corenta anos de historia.

 

Jacobo Moreira incidiu que o titular da Escola de Canteiros de Pontevedra é a Deputación Provincial, “polo que é a quen lle corresponde tramitar ante o Goberno central a creación dunha titulación que se poida impartir e que permita aos alumnos obter unha titulación oficial”. “A día de hoxe, non consta que a Deputación teña solicitado a acreditación da Escola de Canteiros como centro de formación profesional para o emprego, a pesar de telo anunciado hai máis de oito meses”, indicou.

 

“A Xunta, tanto na parte educativa como na de formación para o emprego, non pode invadir as competencias doutra administración e só pode cumprir o que establece a normativa, logo dos pasos que debe dar a entidade titular do centro e a propia Administración do Estado”, apuntou.

 

NORMAS E PROCEDEMENTOS FIXADOS

 

O deputado popular explicou que “hai unhas normas e uns procedementos fixados desde o Estado que debe cumprir a entidade titular da Escola de Canteiros, neste caso a Deputación Provincial, que será tamén quen terá que definir que certificado profesional quere expedir e terá que cumprir os requisitos”.

“A Deputación debería actuar con seriedade e non xerando falsas expectativas ao alumnado”, sinalou Moreira, quen afirmou que o Partido Popular “respecta e valora a formación non regrada que recibe o alumnado deste centro, que é demandado para traballar en diversos lugares de todo o mundo porque o prestixio no desenvolvemento do seu oficio está por enriba das titulacións”.

 

Así mesmo, Jacobo Moreira criticou que En Marea impedira a aprobación dunha resolución do Parlamento na que se expresa o recoñecemento cara á tradición da cantería e cara ao labor formativo, divulgativo e de proxección exterior da Escola de Poio, así como expresar o apoio ás demandas da Asociación Homologar Canteiros Poio para conseguir o recoñecemento dos seus estudos con títulos académicos oficiais.

Síguenos nas redes sociais