Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento demanda que Fomento execute o enlace do parque empresarial de Vimianzo coa autovía da Costa da Morte

20 Xun 2019

Santiago, 20 de xuño de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta para que, tan pronto teña aprobado definitivamente o proxecto de prolongación da autovía da Costa da Morte, remita ao Ministerio de Fomento o estudo técnico que se ten realizado sobre a viabilidade da execución dunha nova conexión desde esta vía de altas prestacións ata o parque empresarial de Vimianzo. Así mesmo, demándase ao Goberno central a execución desta nova conexión co polígono de Vimianzo, como é o seu deber e responsabilidade ao tratarse dun parque empresarial dependente de Suelo Empresarial del Atlántico, unha sociedade participada na súa maioría polo Ministerio de Fomento.

 

O deputado popular Aurelio Núñez explicou que, en cumprimento dunha proposición non de lei aprobada no Parlamento galego en marzo de 2017, a Xunta de Galicia estudou a viabilidade de incorporación na autovía da Costa da Morte dun enlace para unha posible conexión co polígono de Vimianzo. “Conforme aos criterios técnicos, determinouse que era viable un enlace na prolongación da autovía, á altura do punto quilométrico 5,500, para a conexión co polígono empresarial de Vimianzo”, apuntou.

 

“A Xunta ten confirmado que o proxecto de prolongación da autovía da Costa da Morte vai recoller o punto de entronque necesario para ese posible novo viario que conduza ao polígono de Vimianzo, un novo viario que deberá executar o Ministerio de Fomento, xa que este parque empresarial é propiedade de Suelo Empresarial del Atlántico, unha sociedade participada nun 83,44 por cento polo Ministerio”, engadiu.

 

Neste sentido, Aurelio Núñez manifestou que “por parte da Xunta quedará todo preparado, incluso previstas as expropiacións e o movementos de terra necesarios, para o entronque na autovía desa nova conexión co polígono de Vimianzo”.

 

“É lóxico que este novo viario o execute e o pague o Ministerio de Fomento, do mesmo xeito que os accesos aos hospitais públicos os executa e paga a Xunta, os accesos aos portos se pagan desde a administración titular dos mesmos, e os accesos aos parques empresariais dependentes da Xunta os executa e paga o Goberno galego”, sinalou.

Síguenos nas redes sociais