Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento demanda ao Goberno central que impida o impacto negativo da instrución ministerial que pon trabas administrativas á importación de pesca procesada ou conxelada

29 Mai 2019

Santiago, 29 de maio de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central a adopción de medidas efectivas que eviten restar competitividade ao sector pesqueiro galego e impedir o impacto negativo que ten a instrución ministerial que impón trabas administrativas á importación de pesca procesada ou conxelada, especialmente no porto de Vigo.

 

A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, lembrou que a instrución do Ministerio de Sanidade “provocou a paralización de contedores e o seu desvío a Portugal, reactivando a fuga de mercadorías do porto de Vigo”. En concreto, esta instrución impoñía trabas administrativas ás importación de produto desde terceiros países, especialmente desde China, xa que recollía que o 100 por cento das súas partidas tiñan que pasar por un proceso de verificación, no que se esixía aos operadores que aportaran unha copia dos certificados de captura para avalar que o peixe foi conxelado, procesado ou transportado a bordo de buques autorizados pola Unión Europea.

 

“Con esta modificación, os buques, plantas procesadoras ou almacéns frigoríficos que traballen co produto importado deberán figurar na lista de establecementos autorizados a exportar os seus produtos á Unión Europea”, explicou Teresa Egerique, quen engadiu que “no caso de que só figure a autorización da planta ou establecemento de expedición do control sanitario, os inspectores deberán solicitar ao interesado unha copia dos certificados de captura”.

 

INSEGURIDADE XURÍDICA

 

Egerique manifestou que a aplicación desta instrución “creaba unha enorme inseguridade xurídica, xa que instaura en España un rigor sen garantía de que noutros países resulte a mesma aplicación, xa que polo momento estes non requiriron aos seus postos de inspección fronteiriza un cumprimento tan estrito como o fai España”.

 

Deste xeito, considerou “necesario garantir ao máximo o principio de seguridade xurídica, de maneira que o sector non quede á libre disposición dos aleatorios cambios de escenario claro e preciso no que desenvolver a súa actividade, en liña co establecido para todos os membros da Unión Europea”.

 

“Da a sensación, e non é a primeira vez, que o Goberno de Pedro Sánchez non coñece a realidade do noso sector pesqueiro, que goberna dándolle as costas ou non lle interesa”, sinalou a portavoz popular. Ademais, indicou que o Goberno central “ignora os prexuízos que a aplicación desta instrución lle causa, unha cuestión fundamentada na propia reacción do sector a esta medida, quen a criticou con dureza e anunciou que esixiría dimisións”.

Síguenos nas redes sociais