Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG apoia esixir ao novo Goberno central un calendario de actuacións de mellora do transporte ferroviario entre Ourense, Santiago e A Coruña

28 Mai 2019


Santiago, 28 de maio de 2019.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Pleno do Parlamento unha proposición non de lei a través da que se esixe ao novo Goberno do Estado que, no prazo de dous meses desde a súa constitución, negocie co Goberno galego un calendario de actuacións para a mellora no transporte ferroviario entre Ourense, Santiago e A Coruña.

 

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, criticou hoxe que os grupos da oposición “pretendan trasladar á Xunta a responsabilidade dos servizos ferroviarios, que é unicamente estatal, e con ela tamén o déficit que levan asociado para o seu mantemento”.

 

Así mesmo, a iniciativa aprobada hoxe demanda en concreto que o Goberno do Estado inclúa entre as actuacións un abaratamento da Liña Avant Ourense-Santiago-A Coruña de cando menos un 30 por cento, así como o estudo da prolongación desta liña entre Ourense e Monforte. “Son demandas de Galicia que xa foron aprobadas con anterioridade neste Parlamento, e agora só resta que o novo Goberno central as atenda”, sinalou Martín Fernández.

 

Así mesmo, explicou que servizos ferroviarios de media distancia como A Coruña-Santiago e Santiago-Ourense están declarados como obriga de servizo público e existe unha compensación económica da administración á operadora para o seu funcionamento. “En concreto, nos orzamentos xerais do Estado para 2018 se recolle un  investimento de 60 millóns de euros para garantir o funcionamento das liñas ferroviarias de media distancia deficitarias en Galicia”, apuntou.

 

ESTENDER A TARXETA DO TRANSPORTE METROPOLITANO

 

Neste sentido, criticou que a oposición “tente trasladar á Xunta a responsabilidade tanto da planificación como da realización de estudos sobre liñas e servizos ferroviarios, que non lle corresponde ao Goberno galego porque é competencia do Ministerio de Fomento”.

 

O portavoz popular lembrou que “desde o Goberno galego xa deron traslado do acordo acadado neste Parlamento sobre as necesidades de mellora no transporte ferroviario entre Ourense, Santiago e A Coruña, demandando que se ofreza aos cidadáns un servizo mellor adaptado ás súas necesidades, unha equiparación das políticas e modalidades tarifarias en todo o territorio galego e que se preste un mellor servizo con máis frecuencias, horarios e mellores tarifas”.

 

“Agora queda que o Goberno de Pedro Sánchez implemente estas demandas, para o que a Xunta xa amosou a súa disposición a colaborar para estender a todos os servizos ferroviarios de media distancia de Galicia o uso da tarxeta de transporte metropolitano como medio de pago vantaxoso”, indicou.

Síguenos nas redes sociais