Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular salienta que a nova lei de administración dixital facilita a realización de trámites e a adquisición de competencias en novas tecnoloxías

28 Mai 2019

Santiago, 28 de maio de 2019.- A portavoz de Novas Tecnoloxías do Grupo Popular, Sandra Vázquez Domínguez, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que a nova Lei de administración dixital de Galicia “pon totalmente a administración a disposición da cidadanía, facilitando a realización de trámites se xa se sabe utilizar internet, facilitando adquirir as competencias para utilizar internet e asegurando que existirá unha persoa que o faga polo cidadán que non saiba utilizar as novas tecnoloxías”.  

 

No debate de totalidade do proxecto de Lei de administración dixital, Sandra Vázquez incidiu que este texto lexislativo ten dous obxectivos fundamentais: blindar legalmente os mecanismos de dixitalización implantados nos últimos anos, dando garantías xurídicas ás actuacións administrativas derivadas destes novos mecanismos; e aproveitar esta dixitalización da administración para cambiar a maneira de prestar servizos, pasando a un modelo máis proactivo que utilice os datos que manexa a cidadanía para facilitarlle, previo consentimento, os servizos.

 

NINGUÉN QUEDA EXCLUÍDO

 

“Esta lei afronta a adaptación da administración á administración dixital dun xeito inclusivo, garantindo que ninguén quede excluído”, asegurou a portavoz popular, quen concretou que garantirá unha oferta de cursos e certificados de competencias dixitais para a cidadanía en xeral e os empregados públicos en particular. Neste sentido, salientou que esta norma “define a figura dos funcionarios habilitados que poderán encargarse da tramitación electrónica de procedementos cando así o autorice algún cidadá que careza de capacidades propias para facelo”.

 

Así mesmo, Sandra Vázquez afirmou que o Goberno galego “pode presentar esta lei de dixitalización da administración porque fixo previamente un esforzo moi importante no eido da inclusión social”. En concreto, referiuse á aprobación en abril de 2016 do Plan de inclusión dixital de Galicia 2020 e a creación dunha rede de centros para a modernización e inclusión tecnolóxica (Cemit) en colaboración cos concellos que atendeu a 80.000 persoas en 2018 e ten previsto superar os 88.000 en 2019.

 

Na súa intervención, Vázquez Domínguez subliñou o traballo da Xunta de Galicia para estender o acceso a internet no medio rural galego. Neste sentido, salientou que “este ano duplicarase o orzamento en banda ancha, ata superar os 8 millóns de euros, co obxectivo de continuar coa extensión de redes de 100 megabites en máis de 400 núcleos do rural, así como a mellora da conectividade ás empresas illadas”.

 

CULMINACIÓN DO PROCESO

 

A portavoz popular manifestou que este novo texto lexislativo “é a culminación do proceso de reforma administrativa levada a cabo polo Goberno de Feijóo desde 2009, que abrangue a Lei de organización e funcionamento da administración no 2010, a Lei de racionalización en 2013, a Lei de garantía e calidade da administración e dos servizos públicos en 2015 e a Lei de transparencia e bo goberno de 2015”.

 

Sandra Vázquez criticou a petición de devolución desta lei realizada polos grupos da oposición e dixo que “unha vez máis, cando un goberno valente acomete reformas na administración, a oposición quere botalas abaixo”. “Cada vez que este goberno galego da un paso para modernizar, racionalizar e optimizar o funcionamento da administración, atópase con grandes resistencias, que non son desde o persoal funcionario, que apoiou unanimemente este texto lexislativo, senón que veñen dos grupos da oposición”, explicou.

Síguenos nas redes sociais