Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo pide apostar por unha Coruña imparable votando a Bea Mato porque elixir Mareas, PSOE ou BNG sería repetir o mesmo freo

24 Mai 2019

24, maio, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu apostar por unha “Coruña imparable” votando a Bea Mato, xa que elixir ás Mareas, ao PSOE e ao BNG suporía repetir o mesmo freo destes catro anos. “Pechemos este paréntese e este parón e abramos unha nova etapa votando unidos porque Coruña non pode seguir desperdiciando o esforzo dos coruñeses”, engadiu.

Como indicou nun mitin celebrado nesta urbe, no que tamén interveu o candidato ás Eleccións Europeas, Francisco Millán Mon, a candidata popular preséntase á Alcaldía porque ten ganas de que se fagan cousas neste Concello. De igual xeito, puxo en valor que Mato é inconformista, non quedaría de brazos cruzados, presume de cidade e por iso non lle pecharía as súas portas a ninguén, e ningún partido lle vai impor nada no que non crea.

 

O MESMO OU O CAMBIO

Como precisou, A Coruña é un lugar dinámico, enérxico, aberto e libre que non pode permanecer máis tempo parado nin sendo gobernado con desgana, desde o sectarismo ou admitindo imposicións. Nese sentido, destacou que os seus gobernantes no Concello non foron representativos do que é esta urbe, responsabilizando da parálise e da decepción que se vive neste municipio á  Marea, ao PSOE e ao BNG.

 

Por este motivo, advertiu que votar ao PSOE é só outra maneira de votar que as Mareas sigan decidindo no Concello, incidindo que é necesario un cambio na alcaldía e que “só hai un posible: Bea Mato”.

 

MELLOR EMPRENDEDORES QUE MAREAS

Durante a súa intervención, o presidente fixo fincapé en que non se pode gobernar sen enerxía, sen motivación e sen ganas, polo que manifestou que a urbe ten que ser coñecida polas súas empresas e non por políticos minúsculos. Igualmente apostou por ter unha administración que teña a axuda de persoas que cumpre coas súas obrigacións, xeran emprego e que apoian á súa cidade, en lugar dun executivo municipal apoiado no sectarismo das Mareas de Podemos, “coas que o PSOE pactou e volverá pactar se lle saen as contas”.

 

Ademais, aseverou que Coruña é mellor con empresarios que doan ao seu municipio, que doan para a Sanidade ou os servizos sociais, e que crean emprego; que cun goberno local que doa aos seus amigos, que paga por pisos que non serven para nada e que frustra oportunidades. “Mellor para Coruña unha coalición dunha maioría de coruñeses que se gañan a vida con esforzo, que é o que propón Bea Mato, que unha coalición de Mareas, PSOE e BNG, que é o que temos hoxe”, subliñou.

 

O VOTO UNIDO DA MODERACIÓN

Así mesmo, o líder do Partido Popular de Galicia incidiu en pedir o voto unido dos que prefiren xestión e moderación, ante un PSOE disposto a entregar o poder nos concellos ao extremismo das Mareas de Podemos e do Bloque.

 

Segundo dixo, para non volver vivir outra noite de decepción electoral tras resultar elixido un goberno que non se quería, non se pode dividir o voto, xa que, como quedou demostrado o 28 de abril, isto só beneficia á combinación de populistas, nacionalistas e socialistas. Deste xeito, insistiu en que a división nas urnas faría que moitos votos queden sen concelleiro ao igual que, nas Eleccións Xerais, quedaron sen escano.

Síguenos nas redes sociais