Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo pide o voto para o proxecto de cidade de Rafa Domínguez ante un BNG que dirá que cada un dos seus votantes é nacionalista

23 Mai 2019

23, maio, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu o voto para o proxecto de cidade de Rafa Domínguez, ante un BNG que dirá que cada un dos seus votantes é nacionalista, porque, segundo sostivo, cada pontevedrés que vote a Lores será incluído nunha causa que nada ten que ver con Pontevedra.

E é que, tal e como recordou, nesta campaña o BNG pide o voto para ERC e Batasuna-Bildu, cos que comparte papeleta e un mesmo programa que fala de independencia. Así, recalcou que o apoio nas urnas aos nacionalistas non é para facer máis cidade, senón para facer menos España.

 

UN VOTO INCONFORMISTA

Feijóo avogou por “un voto inconformista” para poñer fin a anos nos que o concello só estivo pendente de recibir piropos, en lugar de escoitar as necesidades dos veciños; nos que o emprego foi algo secundario; nos que non se atendeu a todos os barrios nin tampouco ao rural; e nos que só houbo monólogo, en lugar de haber diálogo cos pontevedreses. Por iso, o presidente do PPdeG incidiu en que votar PSOE, Mareas de Podemos ou Ciudadanos é votar directa ou indirectamente BNG: “É votar continuidade e conformismo”.

 

Asegurou que Rafa Domínguez ten todas as condicións para rachar con este conformismo e darlle un novo impulso á cidade. “Non esperemos ao futuro para votar futuro, votemos futuro xa: votemos Rafa Domínguez”, salientou.   

 

PONTEVEDRA PRECISA A RAFA DOMÍNGUEZ

Á hora de votar o próximo domingo, Feijóo dixo que hai que ter en conta ao candidato que acude ás urnas con máis forza, máis ganas, máis ilusión e que encara os vindeiros catro anos con máis ideas e máis proxectos. Por iso, indicou que Rafa Domínguez é, sen dúbida, o que fará máis cousas en Pontevedra, a diferenza do actual rexedor, cuxo obxectivo non é facer, senón permanecer.

 

Tal e como apuntou o líder do PPdeG, se o actual alcalde tivera proxectos novos e ideas que beneficiasen o emprego e os servizos dos pontevedreses, non tería que tapar a súa inacción con pancartas ou con sectarismo. Neste senso, remarcou que o que precisa Pontevedra é un novo alcalde que, como Rafa Domínguez, responda ás expectativas e que abra as portas da cidade a máis emprego e a máis diálogo cos veciños: “O que precisa Pontevedra é abrirse aos pontevedreses, porque os barrios e as parroquias están descoidadas e desconectadas sen transporte”.

 

Para Feijóo, o actual alcalde fai uso da hostilidade para tapar así a súa inacción, esgotamento, falta de ideas e a absoluta falta de balance dos últimos anos. Unha hostilidade, subliñou, contra os propios veciños, contra España e contra o emprego dos pontevedreses. Neste punto, referiuse aos traballadores de ENCE, dos que dixo que o único que fan “é gañarse a vida honradamente, polo que todas estas familias merecen un respecto e unha alternativa”.

 

BOS ALCALDES, BOS GOBERNOS E UN MELLOR CONCELLO

Por outra banda, Feijóo invitou a que todos os que aínda dubidan sobre a quen votar o vindeiro domingo coñezan os candidatos, os equipos e os programas do PPdeG, nos que atoparán un goberno para todos, que xestione desde a moderación e a centralidade e co que o concello progresará; e cos que tamén se sentirán máis identificados que entregando o poder de decisión ao sectarismo dos populistas e os nacionalistas. “Nos nosos candidatos encontrarán bos alcaldes; nos nosos equipos, bos gobernos; e nos nosos programas, un mellor concello”, finalizou.

Síguenos nas redes sociais