Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo avoga por reconstruír “a nova maioría”

04 Mai 2019

04, maio, 2019. “Todos os españois que somos diferentes, pero que compartimos moitas cousas, xa estivemos xuntos e, por iso, podemos reconstruír a nova maioría”, destacou o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.

De cara as vindeiras eleccións municipais, incidiu en non cometer “o erro prexudicial” de dividir o voto. Así, apelou a todos aqueles que non queren un goberno do PSOE, das Mareas de Podemos ou dos nacionalistas a “unirse nunha alternativa real”. Porque, tal e como explicou, coa división do voto a esquerda, o populismo e o nacionalismo gañan: “Temos que unirnos se queremos volver gañar e, para unirnos, temos que volver convivir entre todos e aceptar que non todos pensamos e sentimos o mesmo”.

 

EN PÉ PARA VOLVER A GAÑAR

Neste senso, Feijóo remarcou que no PP cabe a maioría dos votantes de Ciudadanos e moitos votantes moderados de VOX e do PSOE. Así, dixo que se os votantes de Ciudadanos queren gobernos cos que se sintan máis identificados, no PP teñen cabida e que así o seu voto non volverá beneficiar aos seus adversarios políticos. Por outra banda, apuntou que, nas pasadas eleccións xerais, tanto Ciudadanos como VOX só serviron para que o PSOE fose a primeira forza en Galicia e acadase un deputado máis que o PP en Galicia. “VOX foi o xoguete de Pedro Sánchez para dividir o centro e dereita en tres partidos e mobilizar así o voto ao seu favor”, recalcou.

 

O presidente dos populares galegos subliñou que o PP xa está en pé para volver gañar: “No PPdeG acabouse o tempo de duelo, de decepción e de malos momentos, porque estamos á orde para reconstruír as maiorías, a unión do voto e para remontar”. Para iso, indicou que é preciso aceptar os erros e ter espírito gañador: “Estamos aquí arroupando a Pablo Casado”.

“DEBÉMOSVOS A REMONTADA”

Durante a romaría que o PP celebrou no Pino e na que congregou a máis de 5.500 persoas, Feijóo, que agradeceu a confianza depositada no partido o pasado domingo, pediu perdón “pola decepción e polos erros cometidos”: “Aos 4.356.000 españois que, no peor dos nosos días, seguiches confiando en nós, debémosvos a remontada”.

 

Máis de catro millóns de votantes que, tal e como sostivo, se inclúen nos máis de dez millóns que antes pertencían ao PP e que hoxe tamén desexarían outro resultado electoral. Por iso, avogou porque estes españois volvan reunirse no PP: un partido de goberno e que goberna para todos; de pensamento amplo, que intenta reunir a españois de diferente condición, procedencia e sensibilidade, pero con ideas e obxectivos en común; e de maiorías, capaz de unir a votantes de centro, de centro-dereita, de dereita e reformistas. Feijóo asegurou que o PP é unha formación na que non hai cabida para “o pensamento único e intransixente”, porque é o contrario aos seus principios.

Síguenos nas redes sociais