Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego demanda ao Goberno do Estado que simplifique e axilice a tramitación das prestacións por embarazo ás traballadoras do mar

02 Mai 2019

Santiago, 2 de maio de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno do Estado que leve a cabo as actuacións oportunas para garantir unha maior simplicidade e axilidade na tramitación das prestacións por risco durante o embarazo en favor de mariscadoras, percebeiras, redeiras e traballadoras da pesca artesanal, ben sexa o Instituto Social da Mariña ou as mutuas colaboradoras coa Seguridade Social.

 

Así mesmo, e logo dunha transacción co BNG, aprobouse instar ao Goberno galego a realizar un estudo sobre a situación laboral das mulleres   traballadoras do mar para en base a este informe poder realizar a peticións de novas modificacións que procedan para mellorar a súa situación.

 

SOLUCIÓN A UNHA PROBLEMÁTICA RECORRENTE

 

A deputada popular Soraya Salorio manifestou que “a prestación por risco durante o embarazo é unha das problemáticas recorrentes en calquera tipo de foro ou encontro con colectivos de mulleres traballadoras do mar”. “Este risco dáse porque esta actividade tradicional está vivindo un momento no que se están incorporando mulleres en idade fértil, dándose ese desexado relevo xeracional que incorpora esta problemática que antes non existía”, apuntou.

 

“Estas mulleres teñen dereito á prestación por risco durante o embarazo, pero con frecuencia atópanse con dificultades na tramitación, que non deberían darse, e menos nun período inicial do embarazo que é de tanta importancia para o desenvolvemento do feto”, sinalou. Neste sentido, apuntou que “ao atoparse con estas dificultades, moitas veces vense obrigadas a solicitar a baixa por enfermidade común, sentindo vulnerado un dereito que teñen recoñecido”.

 

Soraya Salorio explicou que as traballadoras do mar, e as entidades que as representan, “quéixanse da multitude de atrancos que atopan para tramitar esta prestación por risco durante o embarazo, como a ausencia dun modelo de solicitude de certificación médica de risco na maioría das mutuas; a solicitude para que, xunto co informe do facultativo do servizo público de saúde, se indiquen as patoloxías asociadas ao embarazo; o requirimento dunha revisión médica específica; a non comunicación por escrito da denegación da certificación médica solicitada; a utilización dos criterios da Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia de forma arbitraria; ou a denegación da presentación no caso de que a traballadora tivera anteriormente unha incapacidade temporal por enfermidade común que se poida vincular ao embarazo”.

 

“Deste xeito, consideramos necesario que se garanta a efectividade dun dereito a unha muller no que está clara a vinculación de risco polas condicións do seu traballo nun momento tan crucial da súa vida como é o embarazo”, engadiu a deputada popular.

Síguenos nas redes sociais