Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento insta ao Goberno do Estado a que retire a modificación do regulamento da Lei de Costas

30 Abr 2019

Santiago, 30 de abril de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta ao Goberno do Estado a que retire a redacción actual da modificación do regulamento da Lei de Costas por non axustarse á normativa vixente e que na nova tramitación que se acometa se dea un prazo axustado de alegacións para que toda a cidadanía e os sectores afectados poida presentar as súas reclamacións.

 

 

Ademais, demándase que dea traslado á Xunta dun informe exhaustivo sobre todas as concesións que se verían afectadas pola modificación do citado regulamento, en especial aquelas que xa non poderían ser obxecto de prórroga algunha.

 

A portavoz do Mar, Teresa Egerique, afirmou que “estamos ante unha manobra do Goberno do Estado coa que tenta vestir e dar amparo legal a decisións caprichosas como a de allanarse nos procedementos abertos en relación á prorroga da concesión de Ence, unha prorroga que foi concedida en 2016 e que contaba co amparo legal do artigo segundo da Lei de Costas e con todos os informes necesarios e avais medioambientais”.

 

MODIFICACIÓN CAPRICHOSA

 

“Trátase dunha modificación caprichosa do regulamento de Costas que pon en perigo e xera inseguridade a moitas empresas que traballan día a día en Galicia no ámbito de dominio público marítimo terrestre, xa que as prexudicará ás concesións anteriores á Lei de 2013 que, podendo ubicarse legalmente no dominio público marítimo-terrestre, verán reducida a duración da prórroga extraordinaria, así como aquelas concesións que poidan ter outra localización que non sexa necesariamente o dominio público marítimo-terrestre e que, por tanto, xa non poderán solicitar a prórroga”, explicou.

 

En concreto, Teresa Egerique dixo que “o Instituto de Estudos do Territorio identificou en Galicia preto de 5.000 edificacións que están íntegra ou parcialmente en zona de dominio público marítimo-terrestre, entre as que se atopan non só empresas, senón tamén depuradoras, colexios ou escolas infantís”.

 

TRABALLO CONXUNTO DO GOBERNO GALEGO

 

A portavoz popular salientou “o traballo conxunto que está a desenvolver o Goberno galego, que solicitou ao Goberno do Estado a ampliación do prazo fixado para a presentación de alegacións, presentou as correspondentes alegacións en tempo récord, está informando aos afectados e ten remitido sendas cartas ao secretario de Estado de Medio Ambiente e á ministra de Transición Ecolóxica demandando información e ofrecéndose incluso ás conselleiras de Medio Ambiente e Mar a ir a Madrid a reunirse”.

 

“A Xunta e o PPdeG non nos deteremos aquí, xa que continuaremos defendendo os intereses de Galicia, e farémolo porque o prexuízo para a Comunidade galega é moito e vai máis alá do económico, xa que tamén hai un prexuízo sanitario, social e educativo”, apuntou Egerique.

Síguenos nas redes sociais