Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo di que está en xogo ter un goberno de España útil para Galicia e que cumpra os seus compromisos

04 Abr 2019

4, abril, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dixo que o próximo 28 de abril está en xogo ter un goberno de España útil para Galicia que cumpra, que respecte aos galegos e que nunca se dea por satisfeito ata cumprir cos seus compromisos. Así, apuntou que, despois dos moitos esforzos dos últimos anos e de que o país saíra adiante, non se lle pode entregar o país a Pedro Sánchez e aos seus socios: “O que falta para fundir España é ter a Pedro Sánchez como presidente e a Pablo Iglesias como vicepresidente”.

Para Feijóo, nas vindeiras eleccións nacionais, “xogámonos moito”, como darlle a chave da gobernabilidade aos que non lle interesan España: “O que queira que non goberne Pedro Sánchez que vote ao PP”. Incidiu en que hai unha maioría de españois que que prefiren outro goberno e que para logralo teñen que unirse nas urnas para que tamén sexa unha maioría ampla de escanos no Congreso e no Senado: “Porque un voto sen escano é un voto estéril”. Neste senso, engadiu que é preciso un goberno que se deba só aos españois e non aos que queren que a España lle vaia mal. Así, remarcou que Pedro Sánchez prefire a Ciudadanos e a Vox porque sabe que dividen o voto, algo que necesita para que lle saian as contas.

 

O COMPROMISO DO PP CON GALICIA

Durante un mitin en Boiro, Feijóo asegurou que ninguén pode dubidar da importancia que para o PP ten Galicia nin tampouco do seu compromiso con esta Comunidade: un partido que naceu aquí, que ten proxecto para cada provincia, concello e parroquia, que ten aos galegos como os seus únicos socios, que pelexa polo emprego e que quere investimentos e que se melloren as infraestruturas.

 

Pola contra, sinalou que, á hora de falar do compromiso do resto de partidos, as dúbidas son todas. Así, apuntou que a Pedro Sánchez non lle importa Galicia, algo que se pon de manifesto na situación que están a vivir os traballadores do sector electrointensivo e do forestal; e nos orzamentos que presentou e dos que presumiu, onde baixaba o investimento un 30%, mentres o subía un 60% noutros lugares. E que, do mesmo xeito, o compromiso con Galicia do BNG queda reflectido na coalición con Batasuna-Bildu e ERC e que as multi-Mareas de Podemos non representan a nosa comunidade.

 

Para Feijóo, estes partidos son socios e coautores do desprezo a Galicia desde o Goberno de España, mentres que o PP é coautor cos galegos do progreso e a recuperación de Galicia.

Síguenos nas redes sociais