Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento galego demanda o fomento da modernización das explotacións agrarias coa introdución de novas solucións tecnolóxicas

29 Mar 2019
Santiago, 28 de marzo de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta para que continúe fomentando a modernización das explotacións coa introdución de novas solucións tecnolóxicas, a través do fomento e posta en común do coñecemento, a innovación e a dixitalización nas zonas agrícolas, gandeiras e do rural de Galicia
 
.

 

O portavoz do Medio Rural, Moisés Blanco, indicou que a Xunta “leva anos impulsando a innovación tecnolóxica dos sectores primarios”. En concreto, referiuse a programas como o desenvolvido, en colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Amtega, para a compra pública innovadora coa creación de plataformas tecnolóxicas, que ofrecerán diferentes solucións e servizos dixitais para mellorar a competitividade do ámbito agrícola, gandeiro ou mesmo na extinción de incendios forestais.
 
 

 

APLICACIÓNS TIC
 
 

 

Na súa intervención, sinalou que “Galicia pode erixirse como un polo de innovación dixital a nivel europeo nos sectores agroalimentarios, como se está a demostrar co polo aeroespacial europeo de Rozas, onde se está a avanzar nun vehículo aéreo non tripulado para a loita contra os incendios forestais”. Neste sentido, engadiu que “a día de hoxe están a xurdir aplicacións no ámbito das TIC para a agricultura e gandería, que entroncan coa tendencia de dixitalización da industria galega”.
 
 

 

Así mesmo, Blanco lembrou que entre os obxectivos da política agraria común para despois de 2020 establecidos pola Comisión Europea se inclúe a necesidade de que se impulse a modernización e a sustentabilidade en todos os ámbitos das zonas agrícolas, silvícolas e rurais. “Ademais, establece que os investimentos na reestruturación, a modernización, a innovación, a diversificación e a incorporación de novas tecnoloxías nas explotacións son necesarias para que o mercado poida recompensar máis adecuadamente aos agricultores”, apuntou.
 
 

 

“Para acadar estes obxectivos, resulta imprescindible que todas as administracións poidan colaborar e poñer en marcha axudas para investimentos, tanto produtivos como non produtivos nas mesmas explotacións e fóra delas”, sinalou Moisés Blanco. En concreto, estes investimentos poderán dirixirse a melloras das infraestruturas relacionadas co desenvolvemento, a modernización ou a adaptación ao cambio climático da agricultura e a selvicultura, incluído o acceso a terras agrarias e forestais, concentracións e mellora parcelaria, prácticas agroforestais e subministración e aforro de enerxía e auga.
 

 

 

INCORPORACIÓN DA MOCIDADE
 
 

 

Por outra banda, o Grupo Popular apoiou a aprobación na Comisión 7ª doutra proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a apostar pola modernización das estruturas produtivas agrarias e gandeiras, cun seguimento público e verificable no relativo aos seus resultados anuais, coa finalidade de medir a consecución do obxectivo da incorporación da mocidade ao mercado laboral para facilitar o relevo xeracional.
 
 

 

O portavoz popular salientou que “a Xunta xa está a apoiar aos mozos galegos para a súa incorporación ao mercado laboral relacionado co rural”, e a modo de exemplo salientou que nos últimos tres anos cerca de 1.500 mozos galegos recibiron subvencións para este fin, cunha axuda media por explotación superior aos 35.000 euros.
 
 


Moisés Blanco puxo de manifesto a “incongruencia dos socialistas galegos, xa que por una parte están a demandar á Xunta medidas para a modernización do rural galego e, por outra, avalan a decisión irresponsable do Goberno de Pedro Sánchez respecto da factoría de Ence en Pontevedra, que afectará a máis de 80.000 familias e 5.000 postos de traballo e para nada axudará a combater o abandono de terras forestais e ao despoboamento do rural”.

Síguenos nas redes sociais