Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento aproba a defensa das mesmas condicións para o pescado importado que as que ten que cumprir a conserva europea e a revisión das normas reguladoras do comercio internacional

22 Feb 2019
Santiago, 22 de febreiro de 2019.- O Parlamento aprobou hoxe unha iniciativa do PPdeG encamiñada a que a Xunta demande ao Goberno central e a Comisión Europea a defensa e aplicación das mesmas condicións para o pescado importado das que lle esixen á conserva europea. Por outra banda, na mesma iniciativa tamén se pide a revisión da coherencia na aplicación das normas europeas reguladoras do comercio internacional e da pesca.
 
 

 

A voceira do Mar, Teresa Egerique, encargada de defender a iniciativa na Comisión de Pesca e Marisqueo, indicou que “non estamos en contra da importación, o que pedimos é que existan as mesmas condicións para o pescado importado e que todos os países estean nun terreo de xogo igualitario, sobre todo se temos en conta que a propia UE calculou que ao ano se captura ilegalmente o 15% da produción pesqueira mundial”.
 
 

 

Teresa Egerique fundamentou a iniciativa en que todos os esforzos por afianzar internacionalmente a competitividade do sector conserveiro vense ameazados por decisións como a tomada o pasado mes de xaneiro na que a UE retiraba a tarxeta amarela a Tailandia polo feito de que ratificase o Convenio 188 da Organización Internacional do Traballo sobre a pesca.
 
 


“Nembargantes – indicou a deputada popular – tal e como manifestou a patronal do sector,  Tailandia foi cuestionada polas súas prácticas irregulares no eido medioambiental, así como de respecto dos dereitos humanos e laborais, e o levantamento desta sanción desbloquea a prohibición completa das súas importacións nas que o país desempeña un papel fundamental na cadea de subministro internacional de produtos do mar”.

 
 
 
“Non podemos permitir que esta decisión da UE acabe por restar competitividade á nosa industria de transformación, tendo presente, ademais, as reiteradas denuncias nestes últimos anos ante a competencia desleal dos países asiáticos” indicou Teresa Egerique 
 
 


A voceira do Mar recordou a importancia do sector conserveiro galego, máximo expoñente desta industria nos contextos nacional e europeo e exemplo de como se traballa para o resto do mundo. Así recordou que no último ano xerou máis de 12.400 empregos, dos que o 70% son femininos, e facturou máis de 1.280 millóns de euros polas máis de 300.000 toneladas de produtos do mar que se procesan en Galicia.

Síguenos nas redes sociais