Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: “O Partido Popular de Galicia está preparado para afrontar unhas eleccións xerais e empezar a traballar desde hoxe nelas”

15 Feb 2019

15, febreiro, 2019.  O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que “o PPdeG está preparado para afrontar unhas eleccións xerais e empezar a traballar desde hoxe nelas”. Así se expresaba tralo anuncio de Pedro Sánchez confirmando que estes comicios se celebrarán o 28 de abril.

 

“Estamos convencidos de que imos contribuír decisivamente a botar aos socialistas, aos populistas e aos independentistas do Goberno, estamos moito mellor preparados que uns socialistas que en oito meses só desprezaron a Galicia, estamos moito mellor preparados ca unhas Mareas de Podemos que xa anunciaron que van concorrer divididas ás xerais, e estamos moito mellor preparados ca un BNG que para optar a ter algún deputado fóra de Galicia se ten que aliar con Batasuna e con Esquerra”, remarcou. “Pablo Casado será o próximo presidente do Goberno”, subliñou.

 

De feito, tras poñer en valor a visita do presidente nacional do partido a Galicia, Tellado destacou que, onte, “Casado puido pulsar de primeira man o ambiente en Galicia, en catro das sete cidades e en tres das catro provincias, e o que atopou foi un partido máis ilusionado ca nunca, máis motivado ca nunca e con máis ganas ca nunca”.

 

Sobre a data das eleccións, incidiu, como onte tamén o fixeron Alberto Núñez Feijóo e Pablo Casado, en que “non ten moito sentido someter aos cidadáns a dous procesos electorais nun mes, co sobrecusto que iso provoca”. Para Tellado, esta é unha mostra máis de que Sánchez pon os seus intereses persoais por diante dos do seu país, “porque a quen lle vai pasar a factura é a todos os españois, non á sede de Ferraz”.

 

Así mesmo, manifestou que o Goberno de Sánchez naceu condenado ao fracaso, como xa prognosticaran moitos socialistas ilustres que asumían que a maioría da moción de censura só traería a España inestabilidade política e desaceleración económica. “Hoxe Pedro Sánchez é vítima do seu propio Manual de Resistencia, que antepuxo os intereses de Pedro Sánchez aos intereses de todo un país”, engadiu.

 

Nese senso, lamentou que os PSdeG tamén se pregase a este manual xa que, mentres outros socialistas como os aragoneses ou os manchegos souberon defenderse dos agravios deste Executivo, “Gonzalo Caballero e Javier Losada, sempre que tiveron que escoller entre Pedro Sánchez e Galicia, escolleron a Pedro Sánchez”.

 

O RÉXIME DE CLIENTELISMO DE CABALLERO

Sobre a sentenza a un funcionario do Concello de Vigo na que se lle condena a cinco anos de cárcere e nove de inhabilitación polo enchufe da cuñada de Carmela Silva, Miguel Tellado aseverou que é sorprendente que a tenente de alcalde do Concello de Vigo, diga que non ten nada que ver con algo cuxo único fin era favorecer a unha familiar súa. Do mesmo xeito, dixo que tamén era sorprendente que tanto Silva como Abel Caballero copien a estratexia das Mareas de Podemos: “cando se descobre que gobernan regando de diñeiro público aos seus amigos e familiares, din que é todo culpa do PP, que fai campaña contra eles”.

 

Sen embargo, o número dous do PPdeG si remarcou que xa non é unha sorpresa que o alcalde de Vigo se negue a dar explicacións, porque é o que fai cada vez aparece un problema na súa cidade: calar, botarlle a culpa a outra persoa -normalmente a alguén do PP-, ou acender as luces de Nadal, “e iso a mediados de febreiro vaino ter complicado”. “Este caso é unha proba máis de que Abel Caballero ten implantado en Vigo un réxime de clientelismo ao máis puro estilo do PSOE andaluz e nós agardamos que en maio teña un destino semellante nas urnas”, recalcou.

 

AMIZADES POR CONTRATO

Por último, o secretario xeral referiuse á nova implosión interna das Mareas de Podemos trala súas diferenzas na votación dos Orzamentos Xerais do Estado. Despois disto, Tellado apuntou que se xa era unha incógnita cantas listas das Mareas habería nas eleccións municipais e europeas, agora a dúbida é cantas haberá en Galicia para os vindeiros comicios xerais logo de comprobar que a maioría de deputados en Madrid fan o contrario do que lles pide Luis Villares.

 

“Quedou claro nestes meses que, nas Mareas, as amizades só se manteñen por contrato, e parece que ultimamente nin iso”, recoñeceu ao tempo que culpaba tamén de toda esta situación aos socialistas por darlles poder ás Mareas alá onde tiveron a ocasión de facelo.

Síguenos nas redes sociais