Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular proporá que o Parlamento galego se pronuncie sobre a situación “alarmante e lamentable” que se está a vivir en Venezuela

28 Xan 2019
Santiago, 28 de xaneiro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, anunciou hoxe o rexistro con carácter de urxente dunha proposición non de lei para que o Parlamento galego “se pronuncie sobre a situación alarmante e lamentable que se está a vivir en Venezuela” e amosou unha especial preocupación “pola colectividade galega que está a vivir este autogolpe de Nicolás Maduro”.
 

 

Puy afirmou que “o lóxico e máis rápido sería unha declaración institucional aprobada por todos os grupos parlamentarios, pero somos escépticos sobre esa posibilidade de chegar a un acordo”. Deste xeito, o Grupo Popular rexistrará esta proposición non de lei para o seu debate canto antes no Parlamento a través das que se pon en evidencia a existencia dunha crise humanitaria que empeza a ser das máis importantes do mundo, con máis de tres millóns de persoas que abandonaron Venezuela; un país que se aproxima á situación dun estado fallido, logo de que o PIB caera o 16, o 14 e o 18 por cen respectivamente nos tres últimos anos e cunha inflación de 2.500.000 por cen”.
 

 

 

CATÁSTROFE ECONÓMICA E COLAPSO
 
 

 

“Estamos a falar dunha catástrofe económica e un evidente colapso que ten moito que ver coas ideas do socialismo bolivariano, e que esconden un caso propio de elites extractivas, dunha connivencia de poderes políticos e militares que non están a sufrir a crise económica que padece o conxunto da poboación e, particularmente, as arruinadas clases medias e máis humildes do país”, indicou.
 
 

 

O portavoz popular sinalou que esta situación “preocupa especialmente a unha comunidade como Galicia, tendo en conta a importante colectividade galega que está a vivir alí”. “Estamos ao lado de todas as organizacións internacionais, incluída ACNUR, que están a falar da crise humanitaria que está a padecer este país, así como dos países que esixen unha saída democrática a esta situación”, manifestou.
 
 

 

Deste xeito, o portavoz popular manifestou que “queremos que o Parlamento se pronuncie sobre isto, en solidariedade coa colectividade galega”, e destacou que “a Xunta está a comportarse de xeito solidario nestas difíciles circunstancias. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego destinou 6 millóns de euros nos últimos tres anos para axudar aos galegos que están a vivir esta traxedia no país venezolano, “polo que estamos perfectamente lexitimados nesa preocupación para sumarnos a esas peticións de que haxa unha saída democrática inmediata con garantías á crise que están a vivir en Venezuela”.
 

 

 

EMPRESAS ELECTROINTENSIVAS
 
 


Na súa comparecencia ante os medios, Pedro Puy lembrou ademais que o Grupo Popular defenderá no Pleno desta semana dúas proposicións non de lei. A primeira delas ten como obxectivo demandar ao Goberno do Estado unha resposta inmediata á proposta consensuada coa industria electrointensiva galega para establecer un marco eléctrico estable e un prezo eléctrico competitivo ás empresas.

 
 
 
En concreto, Puy sinalou que “demandamos a implantación inmediata dun Estatuto da Industria Electrointensiva, que defina os diferentes tipos de industrias en función tanto do seu consumo de enerxía como nos períodos nos que se distribúe este consumo; así como a redución dun 90 por cento das peaxes de acceso na parte relativa ao custo do transporte; a convocatoria de axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de CO2, que sexan pagadas con periodicidade trimestral; a exención do custe regulado correspondente aos custos de pagos por capacidade; e a elaboración dun estudo de perdas técnicas de enerxía que son realmente soportadas polos consumidores electrointensivos”.
 
 


“Vimos pedindo ao Goberno central unha solución a este grave problema que está a ameazar o peche de grandes industrias galegas, como é o caso de Alcoa ou Ferroatlántica, que pasa pola necesidade de definir un marco eléctrico estable que garanta uns prezos competitivos e que permita a estas empresas concorrer en igualdade de condicións nos mercados internacionais”, sinalou o portavoz popular.

 
 
 
DOCUMENTACIÓN MARISQUIÑO
 
 

 

Unha segunda proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular no Pleno está relacionada coa Comisión de Investigación sobre o accidente do Marisquiño en Vigo e as dificultades que, principalmente as administracións gobernadas polo PSOE, se están a poñer para conseguir a documentación solicitada.
 
 
 


Neste sentido, Puy lembrou que existen antecedentes noutras comunidades autónomas de comparecencias de representantes de entidades locais en comisións de investigación parlamentarias, polo que manifestou que “estamos ante unha situación moi chamativa que, máis aló do feito que ten o asunto de fondo, está levando ao PSOE a actuar en contra dun comportamento leal co Parlamento galego, obstaculizando o seu traballo”.

Síguenos nas redes sociais