Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG presentará a semana que vén aos seus candidatos ás alcaldías dos 313 concellos de Galicia

25 Xan 2019

25, xaneiro, 2019.  O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, avanzou que o seu partido presentará a semana que vén aos seus candidatos ás alcaldías dos 313 concellos de Galicia. Como asegurou, os populares xa teñen moi avanzada a selección das persoas que representarán ao PP nas vindeiras eleccións municipais do 26 de maio.

 

O acto de presentación, no que participará Alberto Núñez Feijóo, celebrarase no Palacio de Congresos de Santiago ante un aforo de máis de 1.500 persoas, o que suporá unha “mostra de músculo da primeira forza política de Galicia e a confirmación de que o PP está plenamente mobilizado de cara a este proceso electoral no que aspiramos a mellorar ostensiblemente os resultados de 2015”, manifestou.

 

“Presentamos ao mellor equipo posible combinando a experiencia dos que repiten coa ilusión dos que concorrerán por primeira vez a unhas municipais como candidatos a alcaldes”, sinalou Tellado, que engadiu que este equipo é froito da busca incansable dos mellores perfís en cada un dos municipios galegos e que contarán con todo o apoio do primeiro partido político de Galicia.

 

Segundo dixo, “representarán un proxecto recoñecible e homoxéneo capaz de defender o mesmo nas catro esquinas da Comunidade”. Ademais, indicou que a selección destes equipos levouse a cabo de forma serena e acode ás preferencias tanto da dirección do partido como das bases do PP en cada un dos concellos.

 

Nese senso, o número dous dos populares remarcou que esta serenidade contrasta cos convulsos procesos internos que ameazan continuamente e desde fai moitos anos a pouca estabilidade interna que acompaña ao resto de partidos de Galicia. “O PPdeG fixo da unidade unha característica intrínseca á súa marca e ese será un dos valores cos que concorrerá aos comicios municipais”, salientou.

 

Por último, o secretario xeral lembrou que estas eleccións municipais coincidirán con unhas de carácter nacional e de circunscrición única como son as europeas, nas que os galegos tamén poderán dar a súa opinión sobre o BNG e a súa alianza con ERC e con Bildu, así como sobre a política de pactos que mantén o PSOE de Pedro Sánchez co aval da dirección autonómica dos socialistas en Galicia. Igualmente, recordou que os cidadáns poderán manifestar o seu desexo ou rexeitamento á vocación de En Marea de trasladar os seus conflitos internos ao seo das institucións públicas na nosa Comunidade.

Síguenos nas redes sociais