Puy critica que a oposición dea pábulo a denuncias sobre os servizos de urxencias baseadas en informacións que non se axustan á realidade

15 Xan 2019
Santiago, 14 de xaneiro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, criticou hoxe que os grupos da oposición estean a darlle “pábulo a denuncias que afectan tanto ao traballo dos profesionais dos servizos de urxencias sanitarias como aos pacientes que demandan este servizos, baseadas en afirmacións que non se axustan á verdade, como dalgún xeito se veu recoñecer cando se tiveron que rectificar ou aclarar estas declaracións”.
 

 

O pasado venres unha comparecente na denominada “comisión alternativa sobre a sanidade pública” organizada polos grupos da oposición denunciou a suposta morte de dous pacientes no corredor do servizo de urxencias do Hospital de Santiago, declaracións que posteriormente tivo que rectificar porque non se axustaban a realidade.
 
 

 

PREOCUPACIÓN
 
 

 

Diante desta situación, Pedro Puy criticou “esta forma de facer oposición cunha cousa tan relevante como é a sanidade pública, facendo de altavoz a certas declaracións que poñen á poboación nun estado de preocupación diante do funcionamento dun servizo de urxencias que está traballando de acordo cos protocolos internacionais”.
 

 

 

O portavoz popular lembrou que a denuncia refírese a uns feitos acontecidos nove días antes, o 2 de xaneiro, “e despois de que os días 8 e 9 de xaneiro compareceran na comisión de investigación oficial representantes de todos os sindicatos con presenza na sanidade pública galega e non fixeran  manifestación algunha respecto a un suposto mal funcionamento deste servizo o citado día”.
 
 

 

Respecto da comisión paralela sobre a sanidade pública galega, Puy manifestou que “asistimos a unhas reunións que intentan revestir de carácter oficial, nas que non hai capacidade de contraste sobre o que se di nin quen comparece está suxeito ás esixencias de veracidade que require calquera intervención nunha comisión de investigación parlamentaria oficial”.
 

 

 

RECTIFICACIÓN DA DENUNCIANTE
 

 

 

“Os problemas que poidan derivarse destas declaracións non nos preocupan, pero si nos preocupa que a oposición estea a dar pábulo e sexa altavoz dalgunhas denuncias que a propia denunciante tivo que rectificar e que tamén contradín o que o propio Sergas ten manifestado”, sinalou.
 

 

 

Pedro Puy lembrou “os últimos datos que se fixeron públicos neste Parlamento, que sitúan en máis de 1.013.000 as atencións nos servizos de urxencia hospitalarios de Galicia, dos que só o 16 por cento foron ingresos”. Máis en concreto, no Hospital de Santiago as urxencias atendidas foron 154.763, das que o 15 por cento resultaron en ingresos.
 

 

 

Ademais, apuntou que “os tempos de atención das urxencias están por baixo do que marcan os protocolos da triaxe de Manchester, así como a media de pacientes por facultativo e día nos servizos de urxencia do Hospital de Santiago”.
 

 

 

OBSTRUCIÓN DAS ADMINISTRACIÓNS SOCIALISTAS
 

 

 

Respecto da actividade parlamentaria prevista para a presente semana, ademais da celebración de sesións das comisións 4ª e 5ª, e o remate das comparecencias na Comisión de Investigación sobre a sanidade pública galega, coa presenza do Presidente da Xunta o vindeiro mércores, Pedro Puy referiuse á Comisión de Investigación sobre o accidente do Marisquiño para indicar que “tamén está prevista a comparecencia dos dous portavoces da oposición no Concello de Vigo, así como do ex alcalde de Vigo Carlos González Príncipe e dun representante da Asociación de Festivais de Galicia.
 
 


Ademais, sinalou que “estamos recibindo no Parlamento respostas aos requirimentos de información feitos desde a Comisión de Investigación e, de momento, a colaboración por parte das administracións que están ao cargo do PSOE non está sendo especialmente rápida, senón máis ben ao contrario, están facendo obstrucionismo coa entrega da información solicitada”.

Síguenos nas redes sociais