Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo di que o Goberno rompe a súa palabra cos españois para mantela cos independentistas, nacionalistas e Podemos

21 Dec 2018

21, decembro, 2018. O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, dixo, esta tarde na Fonsagrada, que, mentres o Partido Popular é o único que sempre mantén a súa palabra, estea no goberno ou na oposición; o Goberno central rómpea con todos os españois para mantela con independentistas cataláns, nacionalistas vascos e Podemos.

O líder do PPdeG recordou cando Pedro Sánchez prometía que España ía ter orzamentos, que aplicaría unha política de desinflamación en Cataluña e que defendería os intereses de todos os españois. “Seguimos agardando polos orzamentos, a situación en Cataluña nunca estivo tan inflamada coma hoxe e prémiase a unhas comunidades en detrimento doutras”, subliñou Feijóo. Así, apuntou que, fronte a isto, “Galicia aprobou os orzamentos en tempo e forma, cumpriu o déficit e os galegos situámonos e situarémonos sempre dentro do marco constitucional”.

 

Feijóo incidiu en que os galegos non teñen que elixir entre Galicia e España, porque poden ser á vez galegos e españois e na orde que queiran: “Como ben dicía Fraga, sentirnos profundamente galegos é a nosa mellor forma de ser españois”. Por iso, fixo fincapé en que as identidades non son antagónicas, senón complementarias, e que non hai “carnés de bos e malos galegos, de bos ou malos cataláns”.

 

OS ESPAÑOIS DIXERON ‘NON’ A PEDRO SÁNCHEZ

“As decisións que repercuten en todos os españois non as toma nin Pedro Sánchez nin o seu Goberno. Tómanas os de Podemos, os nacionalistas vascos e os independentistas cataláns”, lamentou o líder do PPdeG.

 

Feijóo recordou as veces que os españois lle dixeron ‘non’ a Pedro Sánchez e ao seu partido: “Dixéronlle ‘non’ nas eleccións xerais, e non unha, senón dúas veces; o día da moción de censura, porque os cidadáns non aprobaron a súa treta para botar do goberno ao partido que gañou as eleccións; e nas eleccións andaluzas”.

 

Tal e como apuntou, os primeiros en dicir ‘non é non’ son agora os últimos en entendelo cando son os cidadáns os que llo din. Por iso, preguntouse o nivel de lexitimidade que poder ter un goberno que se nega a convocar eleccións porque sabe que as vai perder, que cede constantemente ás chantaxes de Podemos e dos independentistas para manterse no poder e que necesita o visto e prace de todos os partidos que apoiaron a súa moción de censura para tomar decisións.

 

“Votar PSOE é votar un goberno de xestos, en lugar de proxectos; votar ás Mareas de Podemos é votar un conglomerado de grupos que o único que fan é encher as páxinas dos xornais con espectáculos bochornosos; e votar BNG é votar aos independentistas cataláns e ao peor dos nacionalismos galegos”, salientou o presidente dos populares galegos.

 

JOSÉ LUIS REGUEIRO, UN EXCELENTE VECIÑO

Por iso, Feijóo pediu que non se acepten leccións “dos mesmos que gobernan na Fonsagrada, en Lugo e en España e que, paradoxicamente, nin queren o mellor para España, nin para Lugo nin para A Fonsagrada”. Amosou a súa confianza en que José Luis Regueiro, a quen cualificou coma un “excelente candidato, compañeiro e veciño”, será o próximo alcalde: “O Partido Popular quere gañar as próximas eleccións municipais para converter A Fonsagrada no concello que merecen os veciños”. “Para José Luis Regueiro –engadiu-, A Fonsagrada sempre está primeiro”.

 

O líder do PPdeG animou a que se reivindique a importancia deste concello, ante un rexedor que está máis preocupado polas súas atribucións na Deputación de Lugo que por servir aos seus veciños: “Se a este alcalde se lle queda pequeno o concello da Fonsagrada, aos fonsagradinos hai tempo que se lles queda pequeno este alcalde e este goberno socialista”. É por isto polo que indicou que, ante un goberno esgotado e sen ideas, que se preocupa unicamente por si mesmo, José Luis Regueiro ofrece un proxecto renovado, ilusión por cambiar as cousas e preocupación polos seus veciños.

Síguenos nas redes sociais